Xermán Torres
Revalidar o sistema
Máis dunha vez teño dito que no sistema educativo co afán enfermizo de medir, esquecémonos de vivir. Sucede igualmente coa escravitude inflexible de cumprir literalmente o programa co que impedimos que entre a vida na escola, que entre o aire fresco e a alegría. Hai moitas vías e moitos mecanismos de traballar o programa, debendo incentivar a creatividade, a participación da comunidade escolar, a innovación. É precisa a alegría de vivir, de experimentar, de probar. En educación, as máis das veces, os procesos son máis ricos que o produto final. Lamentablemente, o sistema actual exclúe a moitas criaturas, creando moita insatisfacción, moita inadaptación, moita tristura e moito fracaso.
Pero eu si estou de acordo coa avaliación do sistema, mais cunha correcta e completa avaliación. Que combine distintas modalidades da avaliación: autoavaliación-coavaliación-heteroavaliación. É unha avaliación global, dirixida a todos os compoñentes e elementos do sistema e non con afán punitivo, competitivo e excluínte; senón unha avaliación formativa que oriente a acción educativa da escola.
Todo sistema educativo, toda reforma do mesmo que non conte co profesorado será un sistema enfermo e unha reforma inútil, que rematará en fracaso, como así ocorreu tantas veces. O profesorado é quen mellor coñece ao seu alumnado polo contacto diario, por compartir a cotío os actos educativos e pola convivencia habitual nas aulas.
A unhas probas puntuais e descontextualizadas, alleas a dinámica dos centros educativos e desconectadas da cultura e das prácticas de cada centro, que valor se lle pode dar? Realmente, que pretenden ditas probas? Que é o que debe perseguir unha avaliación? Naturalmente, formación e mellora. A avaliación é un compoñente máis da acción educativa e non necesariamente o máis importante. A avaliación de todo o sistema, de todos os seus compoñentes: alumnado, profesorado, familias, programación, recursos, metodoloxías, leis e normas, administración educativa, inversións e orzamentos,... Debe ser realizada polos protagonistas dos centros. Por medio de informes do profesorado, de enquisas e cuestionarios ao alumnado e ás familias, por medio de informes dos servizos de inspección educativa, polo rendemento de contas dos responsables políticos e administrativos. Hai que confiar e valorar aos profesionais da educación profesores e inspectores, contar con eles á hora de elaborar leis e regulamentos e implicar a toda a comunidade educativa na implementación, análises e propostas de mellora do sistema.
O tema das chamadas reválidas, ata na mesma denominación e concepto son algo trasnoitado, antigo, desfasado; pérdese na noite das tebras da educación no noso país, retrotráenos ao lonxe, a o ano 1938, coa Lei do 29 de setembro de organización da Ensinanza Media, cando se institúen o rexeitado Exame de Estado e as reválidas para a colación dos títulos de bacharelato elemental e superior. Penso que compre mirar para adiante, estamos no século XXI e algo poderiamos aprender da Historia da Educación e da Pedagoxía.
Desgraciadamente, sempre se avalía aos mesmos, ao alumnado. E insistimos hai que avaliar ao conxunto do sistema, á comunidade educativa enteira, aos programas, leis, á administración educativa. Facendo revisións periódicas conxuntas, globais, integradoras e poñendo o foco no carácter formativo e nos aspectos metodolóxicos e de renovación e innovación educativa; para promover prácticas educativas do século XXI. E deixémonos de lerias, hai que investir máis en educación, chegar ao 5% do PIB de investimentos na educación e aínda estamos moi lonxe deste obxectivo. Historicamente hai un déficit de investimento en educación no noso país. E se queremos que o sistema funcione axeitadamente, é preciso valorar moito ao profesorado e aos profesionais da educación, confiar neles e contar con eles en todo tipo de iniciativas relacionadas co sistema educativo. É moi necesaria unha mellor formación inicial do profesorado, incidindo na renovación metodolóxica e na incentivación dunha rigorosa formación permanente. Todos debemos axudar a elevar o nivel educativo e cultural do noso pobo, na educación e na cultura radica o porvir e a mellora dos individuos e da sociedade. E síntese, é máis necesario que nunca un pacto nacional pola educación, coa educación non se xoga, estamos falando do futuro e do éxito do país, temos que darlle un futuro á nosa mocidade e seguridade aos nosos maiores e para iso o máis necesario é unha boa educación, a mellor posible.