Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'El diablo de los números'
Desde pequeno gustáronme as matemáticas. Un dos primeiros filmes de animación que recordo é Donald in Mathmagic Land, unha película de Disney de 27 minutos amena e simpática. Miña tía, sabedora do meu gusto polas matemáticas, regaloume en 1997 o libro El diablo de los números, de Hans Magnus Enzensberger.
O protagonista do libro é Robert, un rapaz de 11 anos que na escola sofre cos aburridos exercicios do seu profesor de matemáticas. Mais nun soño coñece a Teplotaxl, un pequeno diaño dos números, quen ao longo de doce noites lle irá explicando os trucos para dominar unha ciencia tan exacta como infinita: a dos números.
A primeira noite comezan coa singularidade do número 1, o básico e primario, mais necesario para poder construír o resto. A segunda noite Robert aprende a necesidade de contar co número 0 para nos mover polo sistema decimal e para chegar do 1 aos números negativos. Despois vai coñecendo os números primos (números de primeira!), as raíces cadradas, os números figurados, os exponenciais ou a serie de Fibonacci. Para facelo, o diaño lévao a paraxes oníricas onde pinta números con obxectos máxicos e onde fai aplicacións prácticas para facilitar a comprensión.
Logo de seis noites, Robert vaille collendo o gusto a estes soños. Nas catro noites seguintes a aprendizaxe continúa co triángulo de Pascal, os números factoriais e as nocións de infinito (unha das cousas que me gustou comprender de cativo) e números irracionais. Ademais de álxebra, tamén hai nocións de xeometría euclidiana.
Os dous últimos soños son de carácter máis xeral. A primeira, para comprender que nas matemáticas existen unhas normas para cumprir e que as intuicións matemáticas non sempre son fáciles de demostrar. A segunda, de carácter metacognitivo, serve a modo de recapitulación para ser consciente do que se aprendeu.
No libro existen referencias a numerosos matemáticos (e o uso do masculino xenérico está xustificado, pois foron os homes os que tradicionalmente construíron a historia das ciencias... aínda que como di o autor, "creo que iso vai cambiar"). Hai tamén unha homenaxe a Lewis Carroll, quen tamén se adicou ás matemáticas e á literatura infantil-xuvenil.
A obra naceu ante as dificultades do autor para lle explicar as matemáticas á súa filla Theresia. Logo da publicación do libro, Enzensberger criticou o afastamento das matemáticas da cultura popular. Hans Magnus Enzensberger é coñecido principalmente como poeta e como ensaísta. Como divulgador e coñecedor do mundo hispánico, publicou unha biografía moi interesante sobre Durruti.
O texto va acompañado de ilustracións da alemá Rotraut Susanne Berner, gañadora neste 2016 do premio Hans Christian Andersen da Organización Internacional para o Libro Xuvenil. O texto convida a pintar e escribir no libro, e mesmo a debuxar figuras xeométricas para comprender mellor as explicacións.
Nesta semana que comezan as oposicións, convido a ler este libro a todo o profesorado de educación infantil e primaria, amais de ao profesorado de matemáticas de educación secundaria. Á hora de impartir docencia é moi importante facer atractiva a materia, e este libro pode axudar. Amais, neste semana remata tamén o curso escolar, polo que recomendo o libro para a rapazada neste verán, moito máis agradable e divertido ca os aburridos libros de texto ou os cadernos de contas. Fago tamén un chamamento a editoriais para que se animen a traducir o libro ao galego.