Juan Diego M. Alcaraz
A rotonda dos despropósitos
Todo comezou fai case tres anos, cando se aprobou un proxecto de reorganización do tráfico no quilómetro 15 da PO-531 que une Pontevedra con Vilagarcía de Arousa. Unha estrada que soporta gran intensidade de tráfico, case 15.000 veh/día (40% camións) e un cruzamento coa estrada que leva a Ribadumia e Cambados (4.550 veh/día). Os accidentes sucedíanse e era un punto negro para a circulación de vehículos e peóns.
Ata aquí, todo ben, pero houbo que esperar ata 2015 para a súa execución. Os técnicos deseñaron unha rotonda con moi pouco espazo, nun cruzamento con comercios a pié de estrada e sen posibilidade de gañar máis sitio. As expropiacións sopesáronse e rexeitaron polo seu alto custo.
Tras unhas obras interminables, viuse desde o primeiro momento que era unha rotonda peculiar, con pouca visibilidade, asimétrica e con carrís e paradas para o autobús en ambos os sentidos. Na súa precipitada inauguración, coas autoridades e forzas vivas de Concello, Deputación, Obras públicas, Xunta e empresa concesionaria, ademais dun cadro de persoal de xornalistas, xa se detectaron os primeiros erros de distribución e sinalización horizontal e vertical.
De entrada, no carril bus dirección Pontevedra estaba cortado. Aínda non se retirou un poste de electricidade e teléfono que quedou plantado xusto no medio do carril (só tardaron outros tres meses en retiralo)
A confusión dos condutores que por alí pasaron era patente. Ante os asistentes á inauguración montouse un espectáculo a base de freadas, asubíos e uso indebido dos carrís. Os sinais de redución de velocidade non estaban o suficientemente lonxe, os sinais de Carril Bus non deixaban claro se o podían utilizar outros vehículos á parte dos autobuses.
Mentres, os camioneiros que circulaban dirección Pontevedra atopábanse cunha dobre trampa: para pasar a rotonda tiñan que manobrar con destreza, primeiro para non subirse ao bordo do carril bus, logo evitar golpear os sinais e o bordo da mini rotonda pola esquerda e de saída, non golpear coa caixa ou colector a esquina da casa da dereita. Nesa esquina está ademais a porta dunha tenda de recambios e unha beirarrúa mínima que, se se coincide co paso de vehículos de gran tamaño, convértese en zona de alto risco para o peón.
E claro, ao estar cortado o carril bus pola columna, os autobuses escolares e os de liña descargaban os seus pasaxeiros parando no medio da estrada, no acceso á rotonda, retendo a circulación ata que saía da calzada o último usuario. Todo un espectáculo. Todo un exemplo de desorganización, falta de previsión e demostración do mal que se poden facer as cousas.
Co paso do tempo fóronse solucionando os problemas de sinalización. Que eu saiba foron tres cambios que sorprenderon a moitos condutores que pasan por aí todos os días. Eses momentos de confusión ao longo de meses foron un agasallo para a DGT, xa que os axentes, hábilmente ocultos tras un muro que hai na rotonda, á dereita dirección Pontevedra, paraban á lexión de vehículos que circulaban indebidamente polo carril bus.
Por que falar agora de algo que ocorreu o ano pasado? Porque segue sen rematarse a obra e é algo que afecta aos veciños usuarios da liña de autobuses e ao transporte escolar. O carril bus da columna segue sen a marquesiña da parada. Desde que se iniciaron as obras levantárona do lugar que ocupaba e almacenouse xunto a unha nave en ruínas, nunha leira privada. E segue alí, tras un valo de pedra e porta con cadeado. Ben á vista dos usuarios do bus mentres esperan sen protección para a choiva, frio, sol… Oo que toque.
A queixa dos veciños chegou ao Concello, que deixou claro que o problema non era da súa competencia, senón da Deputación, dona do viario e o organismo que contrata a obra. Ían facer o que puidesen, pero claro, dadas as case nulas relacións entre concellos do PP e a Deputación “pouco caso van facer”.
E así estamos vivindo a historia da rotonda dos despropósitos, os que arroxa os seus danos colaterais ao colectivo de sufridores que viaxan en autobús. Total, a quen lle importa na Deputación que alguén, sexa neno, adulto ou avó, pase frío ou se molle ou se frita esperando? Que se amolen, xa chegará o autobús!