Pedro Ferreira
Libre directo. Análise 23ª xornada
O mundo ao revés, fracaso case absoluto dos aspirantes ao ascenso e rebelión dos chamados a sufrir. Dos cinco aspirantes ás dúas prazas sen dono, catro deles perderon e o que non o fixo só conseguiu un empate e menos mal.
Pontevedra, Cerceda, Deportivo B e Somozas viron como a pesar de perder se beneficiaban polos erros dos acompañantes a esas prazas, pero é que algún fallou con equipos destinados a loitar por salvar a categoria, caso do Somozas e do Pontevedra, e tan só a S.D. Compostela fixo un empate nun partido que nunca controlou, ante outro equipo que vive ultimamente na cola da clasificación, o Villalonga, que fiel á súa traxectoria de novo se volveu adiantar no marcador e non puido manter esa renda ao final do partido.
Punto e á parte é o Somozas. Leva cinco derrotas neste exercicio e todas como local, ver para crer, pero é que onte foi sorprendido por un equipo que non gañara nunca como visitante, o Céltiga. Cousas que ten este deporte.
Como comentamos, fixeron tantos puntos os dez primeiros clasificados como os dez últimos, catorce en total, e iso é moito e bo para os do furgón de cola.
Do resto da xornada pouco ou nada que dicir, se cabe que como resultado da desfeita dos grandes, o Ordes se enganchou de pleno e ninguén lle pode negar as súas posibilidades, pois cos seus 35 puntos só o separan do cuarto tres puntos agora mesmo, para que vexan o barata que está a clasificación. O ano pasado o último dos aspirantes tiña 43 puntos e este ano chéganlle 38.
Do partido da xornada, Villalonga-S.D. Compostela, comentar que non decepcionou a ninguén. Bo ambiente, ritmo, intensidade e emoción foron ingredientes abondo para que a parroquia gozase dunha boa tarde futbol.
A próxima semana destacaremos o Rácing de Ferrol-Somozas. Rivalidade e ver se o ata hoxe invicto a domicilio Somozas pode manter ese galardón ante o intratable Rácing. O sábado ás cinco saberémolo.
REXIONAL PREFERENTE
Viñámolo comentando xornada a xornada, que o Gondomar estaba a confirmarse como a revelación do grupo e miren como pouco a pouco se foi erguendo e hoxe lidera este grupo, onde hai catro serios aspirantes a conseguir o tan prezado ascenso.
Só o Atios e o D. Choco aguantan o tirón; os demais dixeron adeus a unha tempada que a principios de febreiro para eles se rematou.
Fracaso e diría definitivo para o Arosa e Ribadumia que se viron sorprendidos por Mondariz e Arenteiro.
A destacar a nova vitoria do Portonovo despois de dous empates consecutivos. Con este resultado e o empate dos líderes, comprímese a cabeza e catro equipos están distanciados en só un punto.
Tampouco defraudou o partido entre os dous primeiros da clasificación. O 0-0 parece reflectir respecto e aburrimento pero todo o contrario, o partido foi crecendo a medida que avanzaba o reloxo e o final foi de infarto, entre outras cousas porque o Cultural de Areas viu como o expulsaban dous xogadores na recta final sendo acosado polo rival que tiña en mente a vitoria.
Pola zona baixa, U.S.D. Grove, Mondariz e Pontellas foron os beneficiados, primeiro polas súas respectivas vitorias e segundo polas derrotas do resto do pelotón. Estes equipos están inmersos nunha zona onde teñen que ver de esguello á terceira división. Dos equipos que descendan desa categoría que teñan a súa orixe no grupo sur da preferente, dependerá se serán máis equipos os que se irán ao pozo da primeira rexional.
E o domingo outro duelo entre aspirantes, se ben é certo entre dous equipos que non figuraban nas quinielas dos aspirantes ao ascenso e a pulso coáronse na zona dos grandes, Portonovo-Gondomar.
04.02.2013