Claudio Quintillán
Cabodano da vaga de lumes do 2006
Hai 10 anos, a finais de xuño, o monte galego sofría bastantes lumes forestais cunhas dimensións que permitían o seu control a pesares da seca prolongada que sofríamos, pero ninguén agardaba o final que se achegaba entre o 3 e o 15 de agosto.
Aquela virulencia desatada trala man criminal impulsada polos fortes ventos e a extrema sequía elevou a autentica catástrofe a varias comarcas, destacando na nosa contorna os lumes que afectaran a Cerdedo, Cotobade, Pontecaldelas, Pontevedra, O Morrazo (Vilaboa e Moaña), O Castrove, Xiabre,…
Arderan sobre 100.000 hectáreas, correspondendo a provincia de Pontevedra mais de 40.000, falecendo dúas persoas e poñendo en risco numerosas vivendas do rural, lembramos aquel ceo oscuro durante días, e un aire irrespirable.
Daquela tiveran que acudir medios doutras comunidades, aparte do exército, pero destacando sobre todo o traballo sen descanso do persoal propio da Xunta, que chegara ao esgotamento.
Un cabodano coma íste, debería de servir para avaliar que mudou tras aquela vaga de lumes no desenvolvemento da política de montes. Pois ben, como consecuencia daqueles feitos o goberno do PSOE e BNG aprobaran unha serie de medidas fundamentáis na protección dos equipamentos públicos e vivendas do rural, a Lei 03/2007 de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais, que obrigaba a manter franxas de seguridade coa eliminación de matogueiras e especies pirófitas logo rebaixada polo goberno do Partido Popular ata reducilas case a metade coa aprobación da Lei de Montes de Galiza.
Sendo esas medidas importantes, moito mais sería o poder visualizar algún troco na ordenación do territorio nos espazos agrario e montes que permitiran orientar os propietarios hacia obxectivos atractivos, que os valorizasen, pero non foi así. Púdose "aproveitar" aquela desgraza para invertir a tendencia de moitos anos de modelo forestal continuista, de incremento do abandono, de que cada quen faga o que lle parece, si quere.
O monte galego carece de directrices consensuadas política e socialmente, tal e como está, a súa oferta vai ligada as industrias de trituración de madeiras que non necesitan que sexan de calidade, e o resto de productos que ofrece non se xestionan.
A vaga de lumes curiosamente fixera agromar un voluntariado urbano para axudar nas tarefas de fixación de solos, barreiras antirriadas, unha colaboración que non estivo a altura da maioría de propietarios e comuneiros, que estiveron prácticamente desaparecidos durante a catástrofe e despois, agás algúns membros das xuntas directivas, dato significativo que indica tamén cal é o compromiso na defensa do terra.
Destacar o papel do Concello de Pontevedra, que investira 1,5 millóns de euros en darlle outro enfoque os montes periurbáns, ou as Mancomunidades de Montes de Pontecaldelas, O Morrazo ou O Castrove, donde esta ultima moi castigada negociara un plano de recuperación con fondos do Estado para repoboacións, franxas de seguridade, vagadas con frondosas,…
Resulta fundamental para impulsar outro modelo, para esixir mudar por completo esta tendencia, un goberno da Xunta que teña no seu programa medidas concretas para a recuperación do mundo rural, contra a despoboación, estímulos que impliquen os/as titulares das terras animando a constitución de cooperativas ou agrupacións, un mapa de produccións que xeneren valor engadido, axudas, subvencións, créditos, para proxectos de valorización e non como agora nun reparto de fondos sen máis, e un plano de emprego entre outras medidas.
A vaga de lumes de agosto do 2006 puido ser o principio dunha nova política de montes, foi intentado por aquel goberno, pero co troco político non foi así, a folla de ruta continuou cos mesmos intereses do pasado, MAIS MADEIRA PARA TRITURAR.