Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'El tesoro de Sierra Madre'
El tesoro de Sierra Madre é unha novela do autor B. Traven, publicada en 1927. Conta as peripecias de dous mozos e un home maior estadounidenses á procura de ouro en México, na década de 1920.
A trama ten por protagonistas tres estadounidenses con poucos recursos que se atopan na cidade mexicana de Tampico. Falan de como gañar cartos, e deciden partir ás montañas remotas de Sierra Madre á procura de ouro. Dobbs e Curtin son dous rapaces ambiciosos, e únense a Howard, un veterano traballador de minas que sabe onde e como buscar o prezado metal. Á fin atopan unha mina, e pasan varios meses traballando duro até ter ouro abondo para regresar aos Estados Unidos e levar unha vida acomodada. Mais antes de marchar únese a eles outro home, Lacaud, e permiten que acampe xunto a eles.
Ao pouco aparece na zona unha banda de foraxidos. O grupo defende a mina desde unha barricada, e logo dun tiroteo chega unha tropa de Federais que acaba cos bandidos. Os exploradores deciden recoller as súas posesións e dirixirse a Durango para vender o ouro que recolleran, mais Lacaud decide quedar na mina porque pensa que queda un filón por escavar.
A obra é moi interesante para coñecer un período histórico pouco coñecido, o do México de comezos do século XX. Na época en que está ambientada a novela, a violencia da Revolución Mexicana desaparecera en gran medida, se ben aínda había grupos de bandidos espallados polo rural que atemorizaban a poboación. O goberno establecido despois da revolución contou coa eficaz pero implacable Policía Federal para patrullar as áreas remotas e vencer os bandidos. Na novela, uns bandidos apresados polos Federais son obrigados a cavar a súa propia tumba, e son fusilados logo de lles permitir un último cigarro. O policía ao cargo entendía que este método é moito máis barato e efectivo ca un xuízo. Pola súa banda, os estranxeiros, como os tres aventureiros estadounidenses en que se centra a historia, tiñan moitas posibilidades de ser atacados polos bandidos.
Os personaxes están moi ben perfilados: un máis impulsivo e violento, outro máis sensato e cabal, e outro máis veterano, paciente e realista. Entre eles hai os conflitos persoais inherentes ao ser humano, como a loita entre o traballo en grupo e o egoísmo, a batalla pola supervivencia ou as ambicións por ter un futuro mellor.
Na novela aparecen moitas lendas sobre a existencia de minas no territorio mexicano, que permiten coñecer o proceso desde a colonización das terras por parte do Reino de Castela no século XVI e o espolio levado a cabo. Hai un forte ataque á igrexa católica, cómplice e parte activa ao utilizar o cristianismo como ferramenta para a acumulación de riquezas. Tamén hai unha forte crítica ao capitalismo en auxe a comezos do século XX, á procura de petróleo e ouro para un enriquecemento rápido a costa de baixos salarios e malas condicións laborais para os peóns.
Isto entra en relación coa ideoloxía socialista e anarquista do seu autor, B. Traven, de quen se coñecen poucos detalles. A súa vida está chea de misterio: de posible orixe alemá, viviu e traballou en México, onde fixo amizade con Frida Kahlo, Diego Rivera, Gabriel Figueroa, David Alfaro Sequeiros e Federico Canessi entre outros.
A novela foi levada ao cinema en 1948 por John Huston, con Humphrey Bogart como protagonista. Un dos diálogos máis célebres do filme é cando o grupo defende a mina contra os bandidos. Estes pretenden facerse pasar por Federais, e Curtin dilles: "Se sodes policías, onde están as vosas placas? Amosádeas". E o líder dos bandidos, Sombreiro Dourado, responde: "Placas? Non temos placas. Non precisamos placas. Non teño que amosarche ningunha placa fedorenta".
Neste caso, tanto o diálogo do filme como a tradución ao castelán, perden riqueza lingüística ao evitar o uso de insultos que si aparecen no orixinal ("Badges, to god-damned hell with badges! We have no badges. In fact, we don't need badges. I don't have to show you any stinking badges, you god-damned cabrón and chinga tu madre!"). A tradución ao castelán foi levada a cabo por Esperanza López Mateos, amiga do autor e irmá do presidente mexicano Adolfo López Mateos, quen tamén se levou co escritor.