Julio C. Piñeiro
Crítica de cine: Las ventajas de ser un marginado
Por moito que a súa elaboración pouco consistente de suplemento dominical convide ao contrario, sempre se me antolla difícil achegarme a unha película destas características sen dar quitado do todo, alomenos na esfera inconsciente, esa chip de "este é outro drama adolescente made in Sundance"... xa a mera expresión "película destas características" confirma o que acabo de explicar.
Certo é que é difícil, pois aínda que non queiras, parecen responder a un certo patrón de contexto, de estética, de fío musical, de factores de produción (como o feito de xuntar a caras máis coñecidas en proceso de desencasillamento con planteis amateurs), e en xeral, dunha maneira particular de sentir o cine, afastada dos códigos máis mainstream pero tamén distanciada das propostas máis formalmente radicais que copan boa parte dos festivais, convertida en escola dende que Robert Redford decidiu, alá polos oitenta, bautizar cun dos seus personaxes máis lexendarios unha industria alternativa, unha maneira diferente de facer cine nos Estados Unidos.
Si, Las ventajas de ser un marginado (unha vez máis, a tradución esquilma os matices e a maior forza connotativa do título orixinal, The perks of being a wallflower), é todo isto, é unha máis, pero ao mesmo tempo, é única e diferente. Non se pode parar de disfrutala, de empatizar cos seus protagonistas, por moito que o aroma do deja vu queira copa-lo noso olfato. O melodrama e a comedia discreta móstranse tan misturados que non deixan ver os seus moldes nin moito menos as súas liñas de separación.
Na súa clásica traxectoria de aceptación, integración e búsqueda de identidade, cun catalizador, canónico pero efectivo, como é unha historia de amor non precisamente doada, todo nun gran contexto de cambios vitais xeneracionais, o conxunto gaña en empaque, consistencia e significación a través dun subrelato fantasmático abrupto, en pequenas doses e sen marcas que o delimiten, que opera no terreo das causas pero non deixa de estar presente para acabar sendo, ao mesmo tempo, efecto e obstáculo final.
A actitude para achegarse a este film, debut na dirección de Stephen Chbosky, adaptando a súa propia novela, dependerá de cada un. Pero en todo caso, teremos esa mesma mistura de sensacións, con solución positiva: estaremos ante o de sempre pero ao mesmo tempo disfrutaremos de algo xenuino. Si, por esa orde.
Puedes leer la crítica ampliada en EnClavedeCine
8.02.2013