Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Apocalipse Z'
Apocalipse Z é unha triloxía postapocalíptica do escritor pontevedrés Manel Loureiro, composta polas novelas O comezo da fin (2007), Os días escuros(2009) e A ira dos xustos (2010). O protagonista é un avogado de trinta anos que vive nunha urbanización na periferia pontevedresa, e que escribe un blog como terapia para superar a súa viuvez.
A diferenza doutras obras sobre unha apocalipse zombie, non comezan in medias res, senón que vai explicando o proceso. Un 30 de decembro uns guerrilleiros toman unha base militar en Daguestán, unha pequena república da Federación Rusa. A información recibida a través dos medios é confusa, por mor da censura do goberno ruso, mais a través de internet dise que se está a espallar unha doenza grave, quizais o ébola. Persoal médico e militar vai á zona para investigar, mais regresan decontado e van espallando a infección por todo o planeta. Ata aquí a trama, non vou contar máis.
Comeza así unha loita pola supervivencia. Co paso do tempo o avogado vaise adaptando á situación, co seu fiel gato Lúculo como compañeiro. Na súa odisea, ten que establecer prioridades vitais: conseguir comida, armas e outros trebellos que o axuden a superpoñerse á morte. Ten tamén que levar a cabo desprazamentos, e neste proceso vai coñecer outras persoas, algunhas delas xente amiga, e outras, inimiga.
En certos aspectos responde ao arquetipo de novela de aventuras, con rescates (ata certo punto previsibles) no último intre, momentos de tensión e violencia en que o protagonista se ve impotente, e mesmo momentos traxicómicos, con bágoas de ledicia. Os relatos postapocalípticos sempre son divertidos de escribir porque permiten fabular cun futuro imprevisible, tanto no bo (o escritor pode proxectar os seus desexos de cara a unha sociedade mellor) como no malo (explicar o modo en que hai quen aproveita a nova situación en beneficio propio). Loureiro combina situacións duras de imaxinar con outras irreverentes e divertidas.
Unha cuestión que me gustou moito é a verosimilitude dos personaxes. As diferentes persoas que vai coñecendo o protagonista están marcadas polo seu pasado, para ben ou para mal. A procedencia xeográfica, a idade ou a experiencia laboral, conforman unha experiencia vital que determina o modo de actuar na loita pola supervivencia. Tamén me gustaron moito as referencias aos lugares polos que transcorre a acción. Ao respecto, unha das dúbidas de varias persoas que leron o libro é onde está situada a casa do avogado, na periferia de Pontevedra.
A narración da obra vaise modificando co avance dos libros. A primeira novela (O comezo da fin) está escrita en primeira persoa, ao principio como posts dun blog e despois como anotacións dun diario.
A segunda (Os días escuros) alterna a primeira persoa en formato diario coa terceira con narrador omnisciente.
A última (A ira dos xustos) alterna a primeira persoa coa terceira, pero amais vai modificando o punto de vista da acción e introduce analepses e prolepses.
A saga foi traducida a diversos idiomas. A versión en galego fíxoa Tomás González Ahola, e apareceu publicada por Urco Editora. O libro foi levado xa a cómic por Vicente Vegas e falouse de adaptacións cinematográficas, pero de momento os proxectos non saíron adiante.