Francisco Freire Vila
Deberes 'versus' tarefas de calidade?
A orixe dos deberes remóntase á idade media en contextos relixiosos cando se mandaban copias e repeticións co fin de lograr a memorización e fixar o aprendido. Este costume non queda tan lonxano, pois seguramente quen lea isto lembre nalgún momento da súa vida escolar ter de deberes algo parecido. Algúns, conscientes da tortura que supuña esta metodoloxía, levábano ao máximo extremo e os deberes convertíanse en castigos de copias repetitivas eternas e imposibles. Que pouca profesionalidade docente!
Afortunadamente, a sociedade vai cambiando e mudando os seus costumes e semella que, ás veces, o fai a unha velocidade distinta dun sistema educativo rexido por leis oportunistas, así por exemplo, a robótica e a linguaxe de programación, tan importantes no momento actual, están aínda ausentes nas aulas, igualmente, o uso das TIC en moitos centros aínda se atopa nunha etapa pouco avanzada. Tamén, conservamos metodoloxías nada innovadoras como o hábito de seguir ao pé da letra o libro de texto e os seus innumerables exercicios, ás veces tan repetitivos que acaban provocando fastío. É, por iso, imprescindible que os centros educativos estean ben equipados nesta era dixital na que vivimos, cun persoal docente creativo e ben formado que saiba desligarse do libro de texto e incidir sobre aqueles contidos e actividades que individualmente os seus pupilos non conseguen asimilar ou, pola contra, asimilan facilmente debido ao seu coeficiente intelectual.
Quizais haxa que remodelar o número e tipo de materias, a amplitude dos currículos destas, a ratio, as metodoloxías, a atención á diversidade, os deberes... para que o sistema educativo non quede obsoleto e flúa coa evolución da sociedade.
Pero, deberes si ou non? Eu prefiro falar de tarefas, que non teñen por que ser as do libro de texto. Debemos usar o sentido común, tanto o profesorado coma as familias, e ter en conta as características individuais de cada alumno, sen esquecer nunca que os pais e docentes debemos ser colaboradores na consecución dun mesmo obxectivo: a educación e a formación do alumno. Unhas tarefas de calidade, e na súa xusta medida segundo a idade, non prexudican ao menor. Pensemos que no tempo da resolución das tarefas o alumno enfróntase el só ao aprendido na aula, sen a tutela dun adulto e axúdalle a fornecerse dun hábito de traballo, a coller seguridade en si mesmo e a responsabilizarse do seu.
Por outra banda, o tempo das tarefas sérvelle aos pais para observar como traballa o seu fillo e dálles certas pistas sobre as súas fortalezas e carencias, que poden axudar a canalizalas eles mesmos ou poñer en coñecemento do docente para reforzalas e atallalas, respectivamente, en colaboración.
Nunca, de ningunha maneira, os deberes deben ser foco de conflito nin dentro da familia nin entre as familias e o profesorado porque o seu obxectivo perdería toda a efectividade.