Beatriz Suárez-Vence Castro
De gaivotas e Mareas
As aves da costa fan a súa vida ó redor das mareas. Aínda que resulte difícil de crer. Os avances na Ornitoloxía din que é así: segundo os cambios nos patróns da marea, alta ou baixa, así organizan as aves tamén os seus horarios para cazar as presas: os peixes ou outras aves máis pequenas.
Despois das eleccións do pasado domingo ó Parlamento Galego, a nosa terra é máis que nunca de gaivotas e mareas; estas últimas cun M maiúsculo. O tremendo baixón do PSOE e a desaparición na práctica de Cidadáns, demostra que somos de extremos. En Marea obtivo uns considerables 14 escanos que, aínda que constitúen case que a terceira parte dos 41 do Partido Popular, fan deles a segunda forza no Parlamento. A oposición maioritaria.
Non interesan en Galicia os partidos de centro; non din nada, a xulgar polo resultados.
Non sabemos se, como pensan os analistas políticos, o reforzo da figura de Núñez Feijóo fará tamén máis forte a Mariano Rajoy, galego coma el, na capital. O que si parece seguro, na miña opinión, é que Pedro Sánchez vai desdebullándose como candidato á presidencia do goberno nacional. Non creo que os votantes castigasen a Xoaquín Fernández Leicega senón que reflectiron nel a pouca confianza dos electores no Partido Socialista.
Tampouco son bos tempos para Albert Rivera se extrapolamos a Madrid os resultados galegos. Pola banda nacionalista a líder do BNG, Ana Pontón, mantense como a cuarta forza no Parlamento pese a que os prognósticos non eran bós para ela. Non acertaron as enquisas no seu caso.
Ábrese para Galicia un período de estabilidade que pode ser máis ou menos cuestionado pero que afianza un xeito de gobernar que, na miña opinión, obtivo o seu apoio pola necesidade de non repetir o panorama dos "gobernos en funcións" máis que porque non haxa un desexo de cambio en moitos cidadáns galegos. Pero o cambio do que o líder de En Marea, Luis Villares, está tan seguro de acadar, terá que esperar polo momento. O resultado obtido polos populares é o triunfo da seguridade fronte un xiro total no rumbo que aínda non está listo. Falta moito caldo.
Que sigamos con máis interese as eleccións galegas non pode facernos olvidar que no País Vasco decidiron o mesmo día que nós como vai ser o seu Parlamento nos vindeiros catro anos: A forza máis votada continúa a ser o PNV, aínda que terá que pactar, e Bildu resistíu ben a arremetida das mareas. O Partido Socialista obtén uns resultados parecidos ós de Galicia e afúndese no mapa político. A Cámara vasca seguirá tendo maioria nacionalista fronte ós partidos constitucionalistas polo que o debate soberanista manterase aberto.
En canto a nós, non poderán dicir que cumprimos co tópico de quedarnos na metade da escaleira. Varrimos as medias tintas e dividimos os noso sentir entre mareas e gaivotas. Nada máis no medio. Dúas posturas antagónicas, que de achegarse nun futuro en número de votantes, porán difícil, caseque imposible, chegar a un pacto. De momento, coa terceira maioría absoluta de Feijóo, esa preocupación queda lonxe.