Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'La torre herida por el rayo'
La torre herida por el rayo é unha novela do polifacético escritor Fernando Arrabal. Foi publicada en 1983, logo de acadar o ano anterior o Premio Nadal.
A obra está protagonizada polo español Elías Tarsis e o suízo Marc Amary, que disputan en París o campionato do mundo de xadrez. Ao longo da partida decisiva, a vixésimo cuarta do campionato, vanse debullando as biografías dos dous xogadores, de brutal importancia á hora de levar a cabo cada movemento. O xogo psicolóxico acada relevancia nunha loita sen cuartel e sen fair play durante catro horas e media. Os movementos aparecen representados en diagramas ao longo de cada capítulo.
Tarsis foi xoieiro, proxeneta e frade. Antes da partida, recibe unha carta na que se indica que o seu rival é o líder secreto dunha organización terrorista que provocou un atentado no que morreron Nuria e Soledad, as dúas amigas de Tarsis. Pola súa parte, Amary -que ten personalidade múltiple- é un físico que traballa no acelerador de partículas do CERN, amais de líder dunha célula marxista que vén de secuestrar o ministro soviético de asuntos exteriores para que a Unión Soviética destrúa todos os xacementos petrolíferos de Arabia Saudita co fin de terminar co sistema capitalista.
Quen enviou a carta a Tarsis, movido agora pola vinganza, foi Christophe de Kerguelen, a quen Amary roubou o seu proxecto de investigación no CERN. Secretamente entra na residencia de Amary, convencido de que alí está agochado o ministro soviético, e tras descubrilo avisa á policía.
A trama fórmaa unha batalla humana entre dúas personalidades opostas -temperamental Tarsis, xélido Amary-, dúas mentes perversas e antagonistas. Mais de fondo aparece unha forte crítica ás institucións políticas, académicas, militares e relixiosas, vistas a través das infancias e vidas adultas dos protagonistas. Cómpre ter en conta que a novela foi publicada a comezos da década de 1980, cando a guerra fría aínda estaba latente, con Reagan e Brezhnev nos gobernos.
O título fai referencia a unha carta de tarot, a número XVI: a imaxe presenta unha torre semiderruída por un lóstrego que cae sobre ela na parte superior (cabeza). Esta torre é a columna do poder. Os ladrillos son de cor carne para ratificar que se trata dunha construción vivinte, imaxe do ser humano. O naipe expresa o perigo a que conduce todo exceso de seguridade en si mesmo, e a súa consecuencia: o orgullo. Megalomanía, persecución de quimeras e estreito dogmatismo son os contextos do símbolo.
Na obra hai referencias literarias ben interesantes, como á novela satírica de ciencia ficción A guerra das salamántigas (Karel Čapek, 1936). Unha das facetas menos coñecidas de Fernando Arrabal é que é gran mestre de xadrez. Outros escritor relacionado co xadrez foi Vladimir Nabokov, autor da novela A defensa de Luzhin (1930) e do libro Poemas e problemas (1969), con 53 composicións poéticas e 18 enigmas xadrecísticos que conxugan a estética co desafío intelectual. Doutra banda, o austríaco Stefan Zweig escribiu a novela Schachnovell ("Novela de xadrez", 1944), unha crítica ao nazismo e a Gestapo, na que un preso torturado logra manter a cordura grazas ao xadrez.
La torre herida por el rayo foi traducida ao francés, portugués, alemán e inglés.