José Freire
Os sindicatos tamén
Non cabe a máis mínima dúbida entre a cidadanía que existe unha manada de corruptos, chourizos, vividores, e xente de toda ralea e condición, que dende os seus despachos e consellos de administración de entidades, organizacións e institucións, roubaron impunemente a riqueza deste país deixando a millóns de persoas na ruína, a miseria e ao borde da fame. Só enumerar os casos de corrupción darían para centos de páxinas. Dende a Casa Real, partidos políticos, fundacións, deputacións, concellos, bancos, caixas, recualificación de terreos, obras inútiles, aeroportos e estacións de tren, monumentos, edificios ou miles de organismos creados para colocar aos amigos, ou parentes, converteron España nun país de ganga permanente deixando a democracia ferida de morte.
E isto está a suceder nunha grave situación de crise económica, que nos debería obrigar a todos, aínda mais se cabe, a ser responsables e coidadosos co diñeiro público.
Neste senso debemos implicarnos todos e tamén os que temos algunha responsabilidade nas organizacións sindicais. Os sindicatos reciben subvencións das Administracións, e é obrigación das institucións garantir o uso adecuado dos recursos económicos. Temos que deixar clara a honradez de quen fai un sindicalismo serio e acabar coas mentiras e manipulacións intencionadas.
Por iso o Sindicato Unificado de Policía, sindicato maioritario na Policía, realizou un documento de compromiso pola legalidade e transparencia sindical no Corpo Nacional de Policía, no que solicita renunciar ao total das subvencións oficiais do Ministerio do Interior (diñeiro público), que se realicen canto antes os controis económico -financeiros que se estimen oportunos en tódalas organizacións sindicais con actividade no Corpo Nacional de Policía e garantilo bo uso das cotas dos seus afiliados e da subvención que se recibe do Ministerio de Interior. Que para iso se utilice unha empresa externa que audite as contas de tódalas organizacións sindicais da Policía, así como que o propio Ministerio do Interior utilice os seus propios servizos de Auditorias, instando ao Ministerio de Facenda a través da Axencia Tributaria, ao Tribunal de Contas ou aqueloutros servizos que sexan necesarios.
Pero esta proposta e compromiso aínda quere ir máis aló. Que este control de legalidade sobre tódalas organizacións sindicais esténdase aos seus responsables sindicais liberados, en orde a establecer se perciben algún tipo de prestación do sindicato que non se ateña á legalidade vixente en beneficio do responsable sindical.
O SUP considera de especial interese a revisión e o control dos recursos económicos, máxime cando nos atopamos nunha situación económica grave en España. A Policía debe dar exemplo de actuación de sometimento á legalidade. Foi por iso polo que ese documento -compromiso de legalidade e transparencia se remitiu ao resto de organizacións sindicais do Corpo Nacional de Policía, obtendo a calada por resposta. Nembargante, insistiremos perante o Ministerio do Interior e Ministerio de Facenda para que realice controis económico -financeiros aos sindicatos policiais e aos seus representantes, aínda que o resto de sindicatos se opoñan.
Nesta situación excepcional de emerxencia e corrupción duns poucos e de millóns no paro e na miseria, procede salvalo Estado e a Democracia. As organizacións sindicais deben participar activamente nesta acción salvadora, ao igual que o fixeron na etapa da transición da ditadura á democracia.
E hai que comezar predicando co exemplo.
9.02.2013