Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: Fútbol e literatura
Este mércores Jorge Valdano e mais Manuel Jabois falaron no Teatro Principal de fútbol e literatura. No marco da celebración do 75º aniversario do Pontevedra CF, e acompañados por Xabi Fortes, contaron as súas experiencias vitais como comunicadores en relación co fútbol. Mencionaron a Eduardo Galeano, Nick Hornby, Roberto Fontanarrosa, Albert Camus ou Vázquez Montalbán entre outros, amais de xornalistas como Santiago Segurola ou Enric González.
Con certeza, a maior parte de libros sobre fútbol son biografías. Neste contexto enmárcase o primeiro libro sobre fútbol que lin: a biografía de Paco Buyo que Fernando Sotillo publicou en marzo de 1995 cando o betanceiro se converteu no primeiro xogador en acadar os 500 partidos na Primeira División Española. Hai poucas semanas viu a luz a biografía de Andrés Iniesta, La jugada de mi vida, coa colaboración de Ramón Besa e Marcos López. Declárome profano na materia, mais supoño que nestes casos ten bastante importancia o papel do negro literario. Tamén hai pouco publicouse a autobiografía de Johann Cruyff, quen con anterioridade xa sacara á luz Mis futbolistas y yo (1993), Me gusta el fútbol (2002) e Fútbol. Mi filosofía (2012). En 2014 Santi Cañizares presentou o libro Papá, quiero ser futbolista, onde dá consellos a pais e nais de crianzas con ganas de lle dar patadas á pelota.
En 2013 David Menayo escribiu Vero Boquete, la princesa del deporte rey, a primeira biografía dunha futbolista española. Son de interese dúas biografías sobre Luís Suárez: a escrita por Xan Fraga Luis Suárez. Fútbol de seda (2010), e a do xornalista Gil Carrasco Luisito. Luis Suárez, el balón de oro que el Barça no supo apreciar (2015). Outras biografías escritas desde Galicia son as do ruso Mostovoi, titulada Diez años sin el 10 (Víctor López e Rafa Valero, 2014), e mais a do ribeirán Francisco González, titulada Fran. O neno 10 (Rubén Ventureira e Alexander Centeno, 2005).
Xa fóra do campo da biografía, moitos libros teñen relación coa historia dos equipos. Hai 25 anos Miguel Dómínguez Vaz publicou Pontevedra Club de Fútbol. Cincuenta años de historia. Amais de libros sobre o Celta (como o volume editado por Faro de Vigo no 75º aniversario do equipo) e o Dépor (Historia do Deportivo, de Xesús Flores e Xosé Mejuto), existen publicacións sobre o Club Deportivo Obrero de Oleiros e outros equipos diversos. Tamén viron a luz textos históricos sobre a relación entre o fútbol e unha vila, como Albores del fútbol vigués 1905-1923, de Celso González Villar (1959). Unha curiosidade ben senlleira é o volume Paixón polo fútbol (2008), onde Javier García Barrio amosa a súa colección de pins de escudos de equipos galegos.
Nos últimos tempos apareceron varios textos analizando a relación entre fútbol e política. Quizais un dos que acadou máis sona foi Futbolistas de izquierdas, o de Quique Peinado. Nel conta diversas historias de futbolistas que viviron diferentes vicisitudes por mor da súa ideoloxía. Entre eles aparecen os galegos Pahiño e Nacho.
Xa dentro do campo puramente literario, creo que a primeira obra da narrativa galega onde lin sobre o fútbol foi a novela Fortunato de Trasmundi, de Darío Xohán Cabana. É unha obra de literatura infantil-xuvenil, ambientada no país fantástico de Trasmundi. O protagonista é Fortunato, capitán e porteiro do equipo de Cuspedriños de Riba, subcampión da liga das sete parroquias. Cando anos despois fun vivir a San Xurxo de Sacos, fíxome ilusión coincidir no equipo da parroquia con dous rapaces de Cuspedriños.
No ámbito da poesía, non podo deixar de sinalar os catro versos de Eduardo Blanco Amor aparecidos no volume Romances galegos (1928). Un poema vangardista, cunha imaxe fermosísima:
Polo field do ceo mareiro
vai esbaratando o sol,
e horizonte, mal porteiro,
non pode parar o goal.
Curiosamente, tamén en 1928 Rafael Alberti adicoulle un poema ao gardamallas húngaro Franz Platko. A Oda a Platko escribiuna tralo primeiro partido da final da Copa de España dese ano, xogado en Santander entre o FC Barcelona (no que xogaba Franz) e a Real Sociedad.
Porteiros foron tamén Camus (porque era o posto onde menos se gastaba a sola do calzado, ao correr menos) e Vladimir Nabokov, de quen xa comentei o outro día que tamén xogou ao xadrez. Como é sabido, outro porteiro-artista foi Julio Iglesias.
Unha publicación ben interesante sobre fútbol foi o primeiro volume da revista Bravú, que apareceu en 1997. Dirixida por Xosé Manuel Pereiro e coa colaboración de personalidades como Jaureguizar, Manolo Rivas, Xurxo Souto ou Antón Reixa, inclúe textos diversos, mesmo unha análise da relación entre fútbol e música. Amais, viña acompañado dun CD con nove pezas musicais de artistas como Mercedes Peón, Manu Chao, Os Diplomáticos de Monte-Alto (con Fran e José Ramón), Xenreira (con Nacho), Korosi Dansas (con Míchel Salgado), Sushi Loop ou Pinto d'Herbón.
No ano 2016 viu a luz a publicación O dez, dirixida por Óscar Losada, e con artigos ben interesantes, con maquetación ben coidada.