Beatriz Suárez-Vence Castro
Banqueiros
O sábado pasado, o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, acolleu a obra Banqueiros, posta en escea pola Aula Municipal de Teatro de Pontevedra. Reflexiona dende o sorriso sobre a crise, a corrupción dun sistema que fai de nós monicreques ó servicio de non sabemos moi ben quen. Ou si, porque no fondo está o de sempre, o poderoso cabaleiro: don Diñeiro.
Das moitas escenas da obra na que Anxo Lourido, director da montaxe, mestura diferentes textos de escritores galegos con aportacións propias, hai unha historia que, para min, resume moi ben o poder que sobre nós ten o capital que é, queirámolo ou non, o dono das nosas vidas ata que non atopemos outro, porque dono é verdade que queremos ter por moi libres que sexan as nosas intencións. Unha parella discute porque ela, farta, quere sacar o diñeiro do banco e gardalo na casa, romper a sua libreta de aforros e quéixase todo o tempo de que o mundo está cheo de ladróns. Di que nin sequera o Comercio Xusto ten Xustiza algunha. O marido tenta facela razoar e argumenta que, querámolo ou non, así é a sociedade que fixemos e cada un ten o seu papel nela. Se decidimos abandoala ten que ser con todas as consecuencias.Para demostrarllo, pídelle un chisqueiro e prende lume ao diñeiro, ante o espanto da sua muller que, entre berros, trata de impedilo.
A falta de liberdade no fondo é o que nos produce tanta insatisfacción, coma reflicte outro dos personaxes que aos seus corenta aniños vive coa sua nai e mantén unha relación cunha moza á que so pode adicar palabras bonitas, ou a paranoica conversa que ten lugar nun aeroporto entre tres turistas, dúas veteranas do control nas zonas de paso e unha novata, á que pouco a pouco van atraendo ata a sua loucura, que en todo caso, non deixa de ter algo de verdade.
Banqueiros estreouse en maio de 2015, data do quince aniversario da formación da Aula Municipal de Teatro da nosa cidade que, máis alá dos premios que ven recollendo, é a mostra da importancia que ten o teatro afeccionado como base e esencia do espectáculo mesmo, o seu labor de achegamento aos pequenos centros para que todos poidan gozar dunha arte que debe estar, sobre todo, preto da xente.