José Freire
As drogas, un problema social
Non cabe dúbida que, dende fai uns anos, estamos a asistir a unha perda progresiva de percepción das drogas como un problema social, ao tempo que tamén dun problema persoal.
Xa non é noticia nin preocupa que morra un mozo por sobredose; que, nas discotecas, a nosa xuventude se poña ata as trancas de drogas denominadas de deseño; xa non nos escandalizan as ostentacións dalgúns persoeiros que todos sabemos a que se dedican; tampouco é noticia o arduo traballo que veñen desenrolando as unidades policiais contra o narcotráfico...
¡Onde van todos aqueles movementos que levantaban a súa voz e se mobilizaban contra unha das lacras do século vinte, que tanto dano ocasionou e a cantas familias esnaquizou!.
A cidadanía está a perder a vinculación das drogas como un problema social. O tráfico de drogas en mans da delincuencia criminal organizada ten un importante influxo na vida social, ante a presenza masiva de drogas en grandes núcleos de poboación cas consecuencias que, en algunhas ocasións, supón, sen esquecer que esta actividade ilegal xera substanciosos beneficios, que necesariamente deberán ser branquexados e incorporados ao sistema legal financeiro. A ambición por aumentar o potencial económico destas organizacións criminais, failles adquirir certos poderes con capacidade de influenciar na vida política, empresarial ou social dun país.
Son os poderes públicos quen teñen a responsabilidades de transmitir á poboación as consecuencias, tanto directas como indirectas, dos niveis de consumo de drogas. Tamén os medios de comunicación soportan unha parte de esta responsabilidade, como elemento esencial do seu cometido social como emisores de información verdadeira.
O xeito máis eficaz de loitar e contrarrestar a actividade criminal do narcotráfico é atacar ás súas organizacións e redes na cadea de produción e distribución, e impedir o branqueo de capitais deste negocio ilícito, especialmente investigando o patrimonio e o movemento de capitais dos seus membros. Máis non podemos esquecer as campañas de prevención do consumo e aumentar a cooperación internacional entre países produtores e de destino das drogas.
Despois de expor o que entendo como un esquecemento social dun grave problema, teño que dicir, con enorme satisfacción, que a Policía española en xeral, e a de Pontevedra en particular, segue loitando, co mesmo interese e esforzo, contra o tráfico de drogas, a pesares dos atrancos que, as veces, atopan no seu traballo cotiá.
Nun momento en que o mercado está cheo de cocaína (nunca estivo tan barata), tódolos esforzos son necesarios. Nin máis nin menos que tres son as Unidades (Greco, Udyco e Tráfico Medio), con sede na Comisaría Provincial de Pontevedra, as que dedican o seu traballo, sen horario fixo, a loitar contra este tipo de criminalidade, nos seus diferentes niveis. E a boa fe que está a dar os seus froitos, a pesares dos medios cos que contan estas organizacións á hora de evadir a acción policial.
E para corroborar esta afirmación, permítanme que facilite algúns datos correspondentes ao derradeiro ano 2015 e o que vai do 2016.
A Unidade Greco aprehendeu máis de 8.500 kg. de cocaina; 8 kg. de heroína; 33.560 kg. de hachis; asemade de diversas armas (pistolas, revólveres, fusiles, munición); barcos (pesqueiros, iates, mercantes); vehículos (automóbiles, camións);1.500.000 euros en efectivo; detendo a máis de 130 persoas.
Pola súa banda, a UDYCO aprehendeu 51 kg de cocaína; 72 kg de heroína (56 kg dunha soa vez, na que é a maior incautación desta substancia de Europa no que vai de ano); 439 gr. de hachis; 11 kg de substancia de corte; 435.000 euros en efectivo; básculas, vehículos, teléfonos móbiles: procedendo a detención de 39 persoas.
A outra Unidade, a de Tráfico Medio, centrada máis no coñecido policialmente como “menudeo”, e que desarticulou varios grupos criminais dedicados á distribución de substancias estupefacientes na zonas de Vilagarcía, Cambados e na comarca de Pontevedra (algún deles en locais nocturnos de ocio), aprehendeu 4 kg de cocaína; 500 gr de heroína, 15 kg de hachis; 97 kg de marihuana; 800 gr. de drogas sintéticas; 5 kg de substancia de corte; e 83 persoas detidas.
A pesares de estes bos resultados policiais, que son indiscutibles, a loita contra este tipo de criminalidade volvese cada vez máis complexa, e nos obriga a buscar instrumentos cada vez tamén máis complexos para loitar contra ela.
O obxectivo é combater todos os niveis. Dende as grandes organizacións internacionais ata os pequenos traficantes. Para obter estes éxitos é imprescindible a investigación, para coñecer e estudiar todos e cada un dos movementos, estruturas, funcionamento e plans destas mafias.
Pero todo este traballo policial ten que ir acompañado do apoio dos poderes públicos, especialmente do eido gobernamental, lexislativo e xudicial. E sen esquecer á sociedade, que ten que volver a tomar conciencia do grave problema que as drogas supoñen para o seu deterioro, non so a nivel persoal e familiar, se non como tal sociedade. Acostumámonos de tal xeito a convivir con este problema que xa non nos afecta.
Dicía Miguel de Unamuno que os satisfeitos, os felices, non aman; adormécense na costume. Nunca mellor dito, non nos deixemos adormecer pola droga.