Pedro Ferreira
Libre directo. Análise 24ª xornada
Destacabamos como partido da xornada o Rácing de Ferrol-Somozas, a razón ademais da rivalidade e a entidade de ambos os dous equipos era que o Somozas aínda non perdera como visitante, pois ben, houbo que esperar o nove de febreiro para ver como un líder intratable conseguía que por primeira vez saíse derrotado.
Pola parte alta á indiscutible autoridade do líder únese a traxectoria dun Celta B que segue a liña do primeiro clasificado. O domingo con sufrimento e brillantez derrotou a un sempre incómodo Rácing Villalbés, deixando deste xeito fóra de combate un posible aspirante a xogar a fase de ascenso.
E que dicir dos equipos que optan a xogar esa fase de ascenso. Encontrámonos outra xornada máis cun fracaso en relación aos seus resultados. Volven perder Deportivo B e Somozas, mentres o Cerceda tan só consegue un empate na súa visita a Barbadás.
Resumindo as tres últimas xornadas encontrámonos que con nove puntos en xogo, tan só o Ordes fixo pleno, o resto, pois As Pontes con sete puntos é o outro beneficiado. ÿ rechamante que estes dous equipos son os últimos en chegar a esta loita de aspirantes, beneficiados polos erros do resto de equipos, dado que a S.D. Compostela só conseguiu catro, os mesmos que o Cerceda, mentres que o Pontevedra con tres se coloca entre os catro aspirantes.
O gran prexudicado foi o Deportivo B que cun pírrico punto sae do grupo dos que xogarían a fase.
Como resultado do comentado produciuse un reagrupamento dos que optan e dous novos convidados que ninguén contaba con eles, Ordes e As Pontes.
Pola parte baixa, o triunfador da xornada foi o Dorneda, primeiro porque o fixo ante un rival directo e segundo polo fracaso do resto, xa que ningún fixo os tres puntos, bo si, o Céltiga, que produto de tres vitorias seguidas, ve intactas as súas posibilidades de salvar a categoría.
Como partido da xornada designamos o Céltiga-Pontevedra. Ímonos encontrar dous equipos necesitados por igual, pero por objeticos diferentes, os locais quererán corroborar o seu gran momento e o Pontevedra disipar esas dúbidas que ofrece como visitante.
REXIONAL PREFERENTE
Outra xornada máis e xa comentámolo en varias ocasións encontrámonos con que ningún dos catro primeiros clasificados gañou. De nove puntos en xogo, tan só conseguiron dous e foi no duelo entre o Portonovo e o Gondomar.
Ao igual que en terceira división os grandes beneficiados son equipos que de estar moi lonxe do grupo de aspirantes, ven como xornada a xornada recortan distancias e hoxe é o día que o Deportivo Choco, coas súas catro vitorias consecutivas, se achega ao grupo dos grandes.
Designaramos o partido da xornada sen saber evidentemente que o Arosa ía ter cambio de inquilino no banco, curiosidades da vida e vemos como o novo adestrador do Arosa é Piscis, que foi adestrador do Sanxenxo a anterior tempada, caprichos que ten o destino. Debut e triunfo ante o seu ex-equipo para deste xeito recuperar ese estado de ánimo que era máis ben baixo e lle permite soñar.
Volvemos destacar a liga que se está a despachar o Gondomar que a punto estivo de dar a badalada completa, pero viu como na recta final do partido o Portonovo lle birlaba dous puntos.
Na zona critica do grupo tamén podemos observar que ninguén quere durmirse e todo o mundo está a espertar do lindo. Vitorias de ata seis equipos: Lalín, Estradense, Pontevedra B, Mondariz, Pontellas e USD Grove, case nada. Con estes resultados está claro que Marín e Verín foron claramente os prexudicados.
E para a semana destacamos un Xuventú Sanxenxo-Deportivo Choco. Os locais para rectificar ante un rival que vén lanzado, dado que nos seus nove últimos puntos disputados como local só fixeron un e os visitantes a confirmar o seu gran momento; catro vitorias consecutivas aválano e con xogadores nun momento de forma excepcional.
11.02.2013