Óscar Serantes
Falemos de política
Gustaríame falarvos de tres temas moi concretos que ultimamente nos invaden, dous de carácter nacional e un de carácter local, dous que evidencian a deriva ideolóxica e argumental dos lideres de esquerda a nivel nacional e outra que exemplifica claramente o que a dereita adoita verse impune de ningunha carga moral polas súas actuacións,de tal maneira que pese a saber que non actúan coa limpeza que se lle debería esixir a un político, cren estar en situación moral de poder dar consellos.
O primeiro poderiamos titulalo "Presunción de culpabilidade".
Nunca fun moi amigo de ir a misa nin de temas relixiosos, pero ben cabe sinalar que incluso un reloxo parado dá dúas veces ben a hora cada dia. Na Biblia dise o seguinte: "Porque co xuízo co que xulguedes, seredes xulgados; e coa medida coa que midades, seredes medidos." Cando se leva a pureza á súa máxima expresión para facer dela unha bandeira partidista cáese na posibilidade que con esa mesma bandeira sexas xulgado, se ademais te dedicas a ensuciar a imaxe de tódolos políticos polo mero feito de implicarse en política e non ser convencidos polas túas ideas, caes no perigo de estarte metendo ti só nun buraco do cal nunca poderás saír, porque xa es político, todo o que digas non terá valor mais alá dos que xa te cren por dogma de fe; outro caso de corrupción, son todos iguais, ese será o resultado. Despois culparemos os medios por publicar unha especulación sobre ti, moi similar á que posiblemente ti puideches filtrar interesadamente meses antes sobre un rival político. Sei que non me lerá, pero non se engane señor Espinar, posiblemente sexa dos seus quen o filtrou.
Ao segundo chamareille "Todos posuímos unha gran verdade, a nosa propia".
Todo o mundo ten a súa razón, déitase e levántase cada dia con ela, unha razón poderosa, esculpida sobre o duro e frío mármore da nosa propia vida, con miles de condicionantes e experiencias, condicionantes e experiencias persoais e únicas, por iso esa gran verdade adoita ser de carácter persoal e único, o cal provoca que moi poucas veces sexa transferible. Os partidos da esquerda encóntranse nestes momentos con grandes debates internos onde a razón parece querer impoñerse á ideoloxía. Partidos que foron incapaces de apartar a dereita do goberno pese a vir dunha das situacións históricas mais proclives para elo, poñamos a desculpa que queiramos. En vez de embarcarnos en reunións na procura de marcar un camiño sobre o cal transcorrer, como definirnos neste novo esquema electoral, buscando o encadre dos partidos nun novo espazo multipartidista como o que vivimos nestes intres, moitas veces parecemos estar inmersos nun concurso de mexadas no cal todos pensan que gañaron, pero todos marchan cos zapatos mollados de volta a casa.
Pero ademais nestas situacións sempre parece que alguén pretende romper o rompible para gañar unas batallas orgánicas mentres esquecemos completamente eses votantes e ex votantes de esquerda que seguen esperando a que lles acendamos unha luz baixo a cal se sintan cómodos e representados, dándolles así un sentimento de identificación que agora mesmo ou non teñen
(os resultados electorais o demostran) ou esta cada vez mais desgastado.
Que queremos facer e como o queremos facer, que país queremos construír, ese e o debate que se quere escoitar na esquerda. Xa está ben de tanta falcatruada, xa está ben de comentarios desafortunadamente interesados vertidos contra compañeiros e compañeiras, xa esta ben de tanto circo.
Para finalizar, bautizaremos o último facendo alusión cun pouco de edición a esa obra de García Márquez "Crónica dun despropósito anunciado"
Cando Caio Xulio Cesar era reprochado polo desexo de divorciarse da súa esposa Pompeia, parece ser que respondía coa mítica frase "a muller do César no só debe selo, senón tamén parecelo". Levamos un tempo vendo como ex concelleiros do PP dan clases de como facer as cousas e intentando así poñer en valor a súa xestión, esquecéndose de que o desastre económico no que se veu sumido este concello foi grazas a súa labor. De compararse cun Cesar teriamos un pequeno Nerón a cargo da oposición, un home que segundo conta a lenda tras mandar incendiar Roma, a cal ardeu durante 5 días ata acabar feita cinzas, contemplaba o espectáculo tranquilamente dende o seu Palacio mentres tocaba a lira, para despois acabar culpabilizando a terceiros do seu delito. Eu non sei si dende Madrid o señor Telmo Martín tocaba a lira ou simplemente facía oídos xordos ante a desfeita que cometera no Concello de Sanxenxo. Posiblemente entendérao ao estilo de Homer Simpson, o cal tras unha pequena adaptación tamén comentaba que se non o vía nin o escoitaba, non existía o delito. Desgraciadamente moitos veciños e veciñas non tiveron a oportunidade de escapar de Sanxenxo para non sufrir o pago das débedas que deixou o Partido Popular,
porque as veces creo que esqueceron que a xestión foi súa, pero os cartos, multas e débedas seguímolas pagando entre todos.
A muller do César non só debe selo, senón tamén parecelo, e un ex concelleiro de Facenda non só debe ser limpo, senón tamén parecelo, e as últimas informacións indican o contrario. Non serei eu quen impulse unha presunción de culpabilidade, pero xa sabemos como acabou aquela historia coa pobre e inocente muller repudiada. Xa que este concelleiro adoita estenderse moito en dar consellos e facer alusións a outros partidos, déixeme humildemente devolverlle un, aínda que non adoite prodigarme eu moito nisto dos consellos e polo tanto me falte experiencia que parecen ter outros. Cóidese vostede de non acabar como Pompeia, repudiada pola súa propia xente pese a súa discutida inocencia, porque xa sabe vostede, a muller do César ao igual ca un Concelleiro de Facenda non só debe selo, senón tamén parecelo.