Pedro Ferreira
Libre directo. Análise 8ª xornada
En Galicia estamos futbolísticamente falando dun momento doce coa presenza do Deportivo e Celta en primeira como máximas referencias. Pero da nosa Terceira división non se falou demasiado ben nos últimos anos e quizais ante a posibilidade de que a próxima semana se remate o refacho, debemos destacar que temos o equipo que máis puntos ten de toda a terceira nacional, e ese é o Rácing de Ferrol, 24 puntos de 24 posibles, pleno e ademais podemos presumir tamén do máximo goleador da mesma categoría, Joselu (SD Compostela) con 10 dianas no seu haber.
En relación ao acontecido nesta xornada, destacaremos o Compostela, 8 - Alondras, 3, pola cantidade de goles materializados, pola circunstancia de que foron catro os xogadores composteláns que fixeron dobre e tamén porque despois dun 7-0, se pasou a un 7-3 provisional. Outro partido importante foi o Rácing de Ferrol, 2 - Deportivo B, 1, a verdade puidemos presenciar un partido doutra categoría, polo ritmo con que xogaron ambos os dous equipos e pola calidade mostrada polos participantes, que para a categoría á que nos referimos foi de alto nivel.
E para rematar en canto aos partidos disputados destacaremos os adiantados á tarde do venres, cun Villalonga, 2 - Betanzos, 0, enfrontamento no que o ata hoxe equipo revelación foi moi superior a un rival que decepcionou. O outro acontecemento foi o vivido no escenario de Vista Alegre, entre un Ordes en plena recuperación que superou ao sempre complicado Villalbés tras unha tarde irrepetible de Capelo que asinou unha asistencia a Nacho rubricada con tres goles despois.
Rematamos o resumo da xornada falando de situación da táboa clasificatoria, onde destaca a fractura desta, dous equipos que se van e once que loitan polas outras dúas prazas, valla dicir que entre o terceiro e o décimo terceiro só os separan tres puntos.
En canto ao próximo fin de semana o partido da xornada preséntase en Pasarón onde se van encontrar dous equipos colocados entre os catro primeiros, pero con traxectorias diferentes, mentres os locais ultimamente están a ofrecer dúbidas nas súas actuacións, os célticos veñen nunha dinámica diferente con seis vitorias consecutivas; dese resultado vai depender que a fractura sexa menor ou maior na clasificación.
REXIONAL PREFERENTE
A diferenza da terceira división, esta categoría ofrece máis igualdade, tamén como resultado da freada ao que se viron sometidos os dous primeiros clasificados nas dúas últimas xornadas.
A sorpresa saltou no Xosé Argiz, onde un mal clasificado Verín deu conta do segundo clasificado Sanxenxo. Do resto da xornada non chama a atención ningún resultado en particular, se cabe a necesidade do Ribadumia de saír gañador do seu partido ante o Pontevedra B, dado que os do Salnés están considerados pola maioría dos entendidos como un equipo feito para ascender.
Pola cola preocupa unha semana máis a liña de resultados do Marín C.F., como consecuencia dos problemas que ten o seu adestrador unha semana si e outra tamén para facer o once co que ten que competir cada domingo.
Dada a igualdade da maioría dos equipos, destacamos como partido destacado da próxima xornada o Areas-Pontellas, entre outras razóns pola traxectoria excelente dos locais que lle permiten coarse na táboa como segundo clasificado.