Pedro M. Cortegoso Gago
Compostar o lixo é o futuro, e Marín non pode quedar atrás
Vivimos nun mundo onde a contaminación e o uso irracional dos recursos hipoteca o noso futuro. O tratamento dos residuos, do lixo, que cada vez xeramos en máis cantidade é un problema para os concellos e sobre todo para os que habitamos este planeta. Supón gastar unha grande cantidade de cartos, que en moitos casos leva unha empresa privada, por recoller ou tratar os residuos.
A alternativa implantada pola Xunta para o tratamento dos residuos en Galiza é a incineración, un método contaminante deseñado para producir enerxía e beneficiar a unha empresa privada que nós cobra por partida dobre. Pola enerxía que produce e despois nós vende e polo tratamento dos nosos residuos.
Unha saída racional e máis eficiente economicamente é a compostaxe, é unha alternativa que se impón necesariamente por ser máis ecolóxica. É a tendencia que demandan as directrices da Unión Europea e que institucións como a Deputación de Pontevedra están promovendo. Calcúlase que entre o 40 ou 50 % do lixo das nosas casas é materia orgánica que se pode recuperar con este método.
A compostaxe é a tendencia en Europa, moi implantada nos países do norte que sempre poñemos como exemplo de bo goberno. Adoptar este método suporá un aforro para os concello, poís canto menos lixo manden a Sogama menos teñen que pagarlle, podendo dispoñer de máis recursos económicos e incluso poderían baixar os recibos que pagamos os veciños.
Con este método prodúcese un abono natural que pode substituír aos sintéticos derivados do petróleo, co correspondente aforro e diminución da contaminación das terras e os ríos. Por cada 100 kg de residuos orgánicos obtéñense uns 30 kg de abono gratuíto.
Nunha entrevista a alcaldesa de Marín rexeitaba a posibilidade de que Marín participara no plano de compostaxe que está levando adiante a Deputación de Pontevedra, por "non ser o momento para comprometerse coa compostaxe". Considera que hai que aplicar estas medidas na medida en que a "xente se adapta e o vai demandando". Admitía tamén que en Marín "non estamos nuns bos niveis de separativa ecolóxica".
A Sra. Ramallo non cre que o seu pobo está preparado para compostar? Ou o que realmente está defendendo é o modelo Sogama, imposto polo PP desde a Xunta, e que supón queimar os residuos que se poden recuperar e transformar en fertilizantes para os xardíns e os campos.
Acaso non é coñecedora das directivas comunitarias que van obrigar a reciclar cando menos o 25% do lixo no ano 2020, cando hoxe só se fai co 12%, e que tan só quedan catro anos para adaptarnos. Que pasará no 2020, teremos que facer fronte a multas da UE por non facer as cousas ben e a tempo como xa pasou co saneamento das rías? Quen vai pagar as multas, a Xunta, os Concellos? Non, seremos todos e todas os que paguemos os erros dos nosos gobernantes cos cartos dos nosos impostos.
A política da Partido Popular na Xunta e no Concello de Marín é propia do século XIX. Que se pode esperar dun partido político que lle pon un imposto ao sol cando en todo o mundo se fomentan as enerxías alternativas. Co seu modelo Sogama de incineración colócannos, unha vez máis, no atraso tan tipicamente español, rexeitando a modernidade e a solución eficiente das tres erres: redución, reutilización e reciclaxe. Marín non debe quedar atrás e por iso lle dicimos á señora alcaldesa que debe apostar pola compostaxe.