Pedro Ferreira
Libre directo. Análise 25ª xornada
Entramos no último terzo da tempada e pouco está claro, mesmo eses equipos que están en terra de ninguén a pouco que se descoiden pódeno pasar mal.
Que o campionato ten dono e que o seu seguidor se vai clasificar posiblemente coincidamos todos, así como que o Narón ten máis que un pé na preferente, polo demais todo está por decidir.
Chega un novo inquilino, o Ordes, á zona dos grandes e vén cunha traxectoria moi boa, por outro lado non ten tan mal equipo como o seu primeiro terzo de liga daba a entender, quizais os seus problemas radicaban fóra de Vista Alegre, pero coa solvencia que demostraba ter como local a pouco que mellorase nas súas visitas chegaría a tempo. Outra das causas foron as enormes dúbidas que ofrecen os que camiñan ao seu lado.
Un Compostela que parecía seguir o ronsel dos dous primeiros clasificados ultimamente perdeu o rumbo, e que procure recuperalo o antes posible, dado que hai compañeiros de viaxe perigosos ao axexo, hoxe é o día que ese colchón de puntos que tiña co quinto o perdeu.
Do partido da xornada, dicir que o Pontevedra volveu deixar claro que fóra de Pasarón pouco ou nada fai, e do Céltiga, que todos o dabamos por morto, cos últimos dez puntos de doce posibles adquire unha vida coa que non contaban, mesmo xa superaron ao Bergantiños na clasificación e só están a catro puntos da salvación.
As derrotas do Negreira, Villalonga, Bergantiños e Dorneda fan que todos se vexan beneficiados dos erros dos seus rivais, quedando o Betanzos como o triunfador da xornada.
Chama a atención que o Alondras nos seus cinco últimos partidos como local non conseguise nin un gol e o peor só un punto de quince posibles, creo que é preocupante.
Así como o é a traxectoria como local do Somozas, que non dá coa tecla e neste caso se lle escapan dous puntos ante o último da táboa, grave, pero que moi grave.
En concreto todo isto ponse emocionante para este último terzo de liga que nos espera.
Como partido estelar da próxima xornada, dedicarémosllo ao novo opositor á fase no seu duelo con outro rival directo e neste caso veciño, será o Ordes-Cerceda.
REXIONAL PREFERENTE
Esta semana si que os grandes deron o talle e gañaron nos seus enfrontamentos, agás o Portonovo que se viu sorprendido na recta final do partido polo Marín e como resultado desa derrota é o gran prexudicado.
Importante a vitoria do Xuventú de Sanxenxo, primeiro para rectificar os seus últimos resultados e segundo porque o fai ante un temible Choco que viña con catro vitorias consecutivas e deste xeito ve freadas as súas aspiracións.
Empate na Senra, malo para os dous e peor para o Arosa. O Ribadumia xa tiña poucas posibilidades, pero o Arosa con este empate volve poñerse a nove puntos do ascenso e iso indica que practicamente ten que gañalo todo no que resta de liga. Este último argumento está baseado en que para o ascenso se adoitan necesitar de 73 a 77 puntos, e quedan 39 en xogo; fagan as contas.
Onde se está a complicar a cousa é pola cola. Outra semana máis ata catro equipos volveron gañar, o que fai a vitoria máis importante. Por iso ten gran valor o resultado do Pontevedra B ante un rival directo, todo cambia de gañar a non o facer, pola vitoria conseguida está fóra das prazas de descenso.
Todos o están a dar todo e iso pon moi caras esas posicións, e o Verín é o gran prexudicado deste ano 2013, sen decatarse vense en zona de descenso e o que é peor cunha traxectoria desastrosa.
Do partido da semana próxima comprobar si o "efecto Piscis" segue dando resultado ao Arosa ante un rival, o Pontevedra B que está a loitar por saír desa zona tan perigosa que ocupa e que lle está a custar moito, os locais non teñen marxe e isto imos ver como o xestionan.
18.02.2013