Manuel Pérez Lourido
A vida segue igual
Julio Iglesias ven de cantar en Malabo diante de Teodoro Obiang Jr e unha morea de ricachos guineanos (a entrada, eso sí, só costaba 750 euros). Declarou que "no me han pagado por detrás, ni de forma rara". Por detrás... estámosche bos... . Non sei como lle pagarían, pero estou seguro de que o sr. Iglesias incluíu La vida sigue igual no seu repertorio, porque cachondo é un bo anaco.
Varias organizacións internacionais que loitan polo respecto dos dereitos humanos intentaron sen éxito que o cantante depuxera a súa atitude, quero dicir, que renunciara a actuar diante do vicepresidente e fillo dun home que leva 33 anos exercendo a represión e o expolio no seu país. A lista de gobernos que cala diante disto por mor da riqueza petrolífera en mans de papá Obiang é vergoñenta. Por suposto, Guinea Ecuatorial é membro da ONU, que mira para outro lado. Non é de estrañar que Julio Iglesias optara por ir aló a dicir aquilo de Soy un truhán soy un señor e de paso sentirse coma na casa.
Iglesias viaxou cun séquito de 35 persoas, algún sería músico pensa un, e dixo non coñecer previamente os problemas xudiciais do sr. Teodoro Obiang Jr. Dixo tamén que cando saúda ás primeiras damas dos mandatarios africanos, non lles pregunta se os seus maridos son uns corruptos (non lles dixen que era un cachondo?). Pero imos ver: quen é o insensato que anda presentándolle primeiras damas a Julio Iglesias? non sabe a fama que gasta? non entenden as letras das súas cancións?. Calquera día temos un conflito internacional por andares Julio Iglesias facendo migas con primeiras damas. E menuda gaita se ten que sair don Juan Carlos a defendelo nese follón.
Teodoro Obiang Jr, na súa etapa de ministro de agricultura, cobráballe un 10% aos empresarios que exportaban madeira de Guinea. Un crack. Pero ademáis de facer de Robín de los Bosques en plan autónomo, tamén quería ser cantante. Ama a música. O suficiente como para requisar calquera envío do exterior como un equipo musical que chegaba para una misión relixiosa procedente dos USA e que rematou nas súas manciñas. En París tentou grabar un disco co nome de Teddy Bear. Iso debeu ser máis do que os nosos veciños podían soportar, e hoxe ten aberto alí un proceso xudicial. Hai empresarios dispostos a confesar diante dun tribunal que pagaban comisións ilegais para poder exportar. Volvendo a Julio Iglesias e ao seu bolo guineano, talvez Teodorín Obiang precisaba escoitar, en vivo e en directo, aquela estrofa de Me olvidé de vivir que dicía: "De tanto ocultar la verdad con mentiras /Me engañé sin saber que era yo quien perdía / de tanto esperar, yo que nunca ofrecía / hoy me toca llorar, yo que siempre reía". Oxalá!.