Pedro Ferreira
Libre directo. Análise 26ª xornada
Xa son doce os puntos que o líder lle leva ao único pretendente a rematar nesa privilexiada posición que tanto valor ten, unha vitoria solvente sobre o Betanzos e o tropezo do Celta B ante un cacholán Céltiga propicia que a superioridade dos departamentais cada día sexa maior.
Dos restantes para loitar polas outras dúas prazas, dicir que o Somozas, despois da derrota en San Pedro unida á traxectoria recente que leva (un só punto e este ante o Narón dos doce últimos disputados), fai que sexa o gran prexudicado deste mes de febreiro, como resultado de todo isto, hoxe é o que pecha o grupo dos aspirantes (novena posición) a só cinco do cuarto clasificado.
Triunfos do resto e empate no partido da xornada, onde o mellor equipo da segunda volta viu como os seus veciños o ensinaban a cara do empate. Recordemos que o Ordes en Vista Alegre só perdeu no primeiro partido de competición.
Pola cola toma aire o Villalonga coa súa vitoria ante o Somozas e sae da zona de descenso directo. Observamos que o Alondras estase a complicar a vida é ve perigar a súa tranquila clasificación despois dos últimos resultados que lle están a achegar perigosamente á zona de descenso, e a próxima semana recibe ao sempre difícil Compostela.
O partido da xornada deparou respecto e valor aos puntos nesta fase na que estamos a entrar, ninguén quere perder e sobre todo se é contra un rival directo.
Como partido destacado para a próxima seman encontrámonos un Deportivo B-Rácing de Ferrol, para confirmar se cabe aínda máis a superioridade do líder ou ver como o Deportivo B supera unha proba de enorme dificultade.
REXIONAL PREFERENTE
Repartición de resultados para os grandes da competición. Contrastan as vitorias do Portonovo e Cultural Areas, coas derrotas de Sanxenxo e Gondomar.
Choco, Arosa e Valladares están en condicións de animar a competición nesta recta final e cos seus resultados anuncian que aínda non dixeron a última palabra. O Choco con dobre de Chus e o Arosa cun partido máis serio que brillante, sacaron adiante os seus respectivos enfrontamentos.
O Ribadumia frea o Xuventú Sanxenxo e relégao á cuarta posición. Pola contra é o Mondariz, que aos vinte e cinco minutos de partido xa lle fixera tres goles ao líder do campionato, Gondomar, quen a pesar desta derrota segue en posicións de ascenso directo.
Pola zona baixa de clasificación encontrámonos un Verín metido nun charco tremendo. Un equipo que camiñaba na metade da táboa ao final da primeira volta, ve como na segunda volta aínda non fixo un só punto e deste xeito incorpórase de cheo á zona de descenso, preocupante a súa traxectoria que está en caída libre con cero de vinte e un puntos posibles.
Atención tamén á liña que trae o Barco, que por certo foi líder no primeiro terzo de liga. Pois ben, non é moito mellor que a do Verín; estes levan só tres puntos dos trinta últimos e cero dos últimos doce xogados co que o seu colchón estase a desinchar e corre serios riscos de aparecer a pouco que se descoide entre os que teñen que loitar para salvar a categoría.
O partido da xornada está servido no Val Miñor. Alí vanse ver as caras o Gondomar e o Arosa. Sete puntos sepáranos e como podemos ver é un partido clave para os visitantes aos cales non lles vale outra cousa que a vitoria. Atractivo partido.
25.02.2013