Marta Rodríguez Engroba
Maltrato psicolóxico. A tortura silenciosa
Cando falamos de malos tratos, a imaxe que se nos ven a mente case de xeito inmediato é a do rostro, o corpo dunha muller marcados polos golpes, polas agresións da súa parella.
Certamente os malos tratos físicos son a faceta máis evidente e máis obvia da violencia de xénero, pero non a única, nin tampouco, por máis que se pense o contrario, a máis frecuente.
Hai unha clase de maltrato na que o agresor non precisa pegar, nin acoitelar, pero que, día a día, minuto a minuto, vai inxectando na muller que padece o seu veleno, un veleno letal, certeiro, e que, como nos mais refinados crimes das novelas policiais, apenas deixa pegadas e resulta case imposible de detectar.
Nin sequera a muller que o está a sufrir é quen de identificalo.
Ela soamente sabe que xa nada do que fai, do que sinte, de como é, está ben para a súa parella, que contínuamente lle reprocha o pouco que vale, o inútil que é, e ata a ridiculiza polo seu aspecto físico, polo seu xeito de vestir, de comportarse. As cualidades que un día o namoraron tornarónse, según el, en defectos, nun erro tras outro que lle repite contínuamente e que ela asume como certos, e polos que se sinte cada vez máis culpable, máis infravalorada, e máis diminuida, xa que cantos intentos fai por remedialos son en van, para, finalmente, caer no desánimo mais absoluto, nunha indefensión aprendida que lle fai chegar a ter o total convencemento de que, faga o que faga, non conseguirá que a situación mude, nin escapar dela. Pola contra, sabe que irá a peor. De feito xa é así, e cada vez con máis frecuencia, os rosarios de imprecacións, as descualificacións, van seguidos de estalidos de ira que a atemorizan e que lle fan temer, non sen fundamento, que as agresións físicas non tardarán en chegar.
Tampouco se plantexa a posibilidade de contarllo a alguien. Pouco a pouco, o seu "amor", ademais de controlar ferreamente todos e cada un dos seus movementos, das súas chamadas telefónicas, mesmo de a quen saúda cando entran ou saen da casa, foi, dun xeito moi sutil, provocando o illamento de toda a súa contorna, e as poucas veces que se relacionan, o seu comportamento é o de o home encantador e cariñoso que a conquistou. Soamente ela e quen de captar a ameaza nese xesto aparentemente agarimoso, nesa suposta broma que non é senón un desprezo máis. A ninguén máis que a ela se lle vai conxelar o sangue baixo as suas xélidas olladas, que son o preludio do que acontecerá cando de novo ambos estean a soas.
Denuncialo tampouco é unha opción. O maltrato psicolóxico é practicamente imposible de demostrar, e xa se sabe que a lei soamente entende de evidencias. O que non se ve, o que non se pode demostrar, non existe, e, porén, non ten castigo algún.
Así as cousas, o maltratador psicolóxico goza de case total impunidade, e pode exercer o seu sadismo dun xeito calculado e continuado sen consecuencia algunha para él, mentres a muller vai caendo dun xeito fatídico e progresivo, nun profundo pozo, ata afundirse de todo e verse totalmente atrapada nunha espiral de baixa autoestima, depresíón, ansiedade e medo da que é moi complicado sair, cando non imposible.
A violencia psicolóxica non golpea, non exerce a forza física, malia que pode e adoita ser o primeiro chanzo cara ela, pero vai, lenta e maquiavelicamente, destruíndo a quen é obxecto dela.
É, tráxica e sinxelamente, unha tortura silenciosa.
Asociación Si, hai saída
662537825