Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Ilustrísima'
Hoxe mércores celébrase o Día das Letras Galegas, que este ano se adica ao escritor ourensán Carlos Casares. Casares é principalmente coñecido polos seus artigos xornalísticos na prensa e mais pola súa narrativa, se ben na súa mocidade cultivou tamén a poesía. Como cada ano por estas datas preséntanse biografías do autor ou autora homenaxeada. A semana pasada presentouse no Burgo o libro Carlos Casares. Un contador de Historias, de Henrique Monteagudo, unha obra de carácter divulgativo mais seria e rigorosa. Porén, hoxe quero falar de Ilustrísima, novela publicada en 1980.
Esta obra, escrita mentres Casares vivía en Cangas, onde daba clases, supuxo a súa consagración como narrador xunto a Xoguetes para un tempo prohibido (1975) e Os escuros soños de Clío (1979). Porén, Monteagudo relaciona Ilustrísima con Os mortos daquel verán (1987) e Deus sentado nun sillón azul (1996), e clasifica a primeira como cómica, a segunda tráxica e a terceira dramática.
A novela é en certo modo unha homenaxe á tolerancia. O protagonista é Fernando Fanego, o bispo dunha cidade galega do interior a comezos do século XX. En base á chegada do cinema á vila, fálase do enfrontamento os estamentos eclesiásticos, reflexo do propio enfrontamento social da época.
O texto é un retrato fermoso do Ourense de hai cen anos (a trama desenvólvese entre 1910 e 1912, con Canalejas no poder). A novela comezou coma un breve relato baseado nunha anécdota que coñecía de pequeno, e Otero Pedrayo contoulle o seu recordo persoal da chegada do cine a Ourense. A vila aparece reflexada en diversos espazos, desde a catedral e o pazo episcopal até a periferia onde se instala o cinematógrafo. A trama dura uns seis meses, desde o comezo do verán ao inicio do inverno.
Carlos Casares era un gran coñecedor da lingua galega (en 1978 ingresou na Real Academia,, converténdose no membro numerario máis novo). Porén, a linguaxe da novela está feita cun estilo moi sinxelo e sen complicacións técnicas, sen erros sintácticos nin morfolóxicos mais buscando empatar coa persoa lectora. Entendía a escrita non como obxecto de atención en si mesma, senón como medio propagador. É áxil e directo nos diálogos, e máis discursivo e neutro nas evocacións e descricións. Por veces inclúe castelanismos para evitar o uso de léxico pouco coñecido. Destaca especialmente o uso do sentido do humor de forma caricaturesca.
Ilustrísima está adicada ao seu tío Xosé Mouriño, párroco de Beiro. A relixión é unha constante na obra de Carlos Casares, quen abandonou o seminario (experiencia que se reflexa en Xoguetes para un tempo perdido), mais tiña querencia por unha teoloxía amable e social. Un dos seus referentes vitais era o seu parente Enrique Pérez Serantes, bispo en Cuba e que cada catro anos pasaba por Xinzo de Limia de camiño a Roma. A súa figura deu pé en boa medida ao protagonista da novela.
Parte da difusión da novela, para que negalo, viu dada porque era unha das obras estudadas en COU e que podían caer nas PAAU -o temido selectivo!- Foi así como coñecín eu esta obra, da man do mestre Anxo González Guerra, nas aulas do IES Sánchez Cantón. Conservo o exemplar, segunda edición de 1983, que miña nai mercara na libraría Michelena. Desde entón o texto tivo numerosas reedicións: primeiro na colección narrativa, logo en Literaria e logo na propia Biblioteca Carlos Casares, coa portada cun cadro do pintor austríaco Egon Schiele. A obra foi traducida ao castelán por Basilio Losada con prólogo de Torrente Ballester, e esta semana presentouse a tradución ao inglés de Jacob Rogers co título de His Excellency.