Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Sapos e sereas'
Sapos e sereas é un libro de relatos da autora Ana Cabaleiro. É a súa primeira obra editada, e apareceu publicada por Galaxia en febreiro deste ano. A autora, da parroquia de Saídres (Silleda), recoñécese como unha rapaza de interior. Da tradición oral da aldea proceda a súa querencia polo formato do relato. En base aos personaxes dos contos máis tradicionais de fantasía infantil, como o Lobo Feroz, a Sereíña ou os Reis Magos, constrúe un mundo máis real, máis cru, no que aparecen as violencias e conflitos do cotián.
A autora ten explicado que este libro é froito do traballo, que os relatos foron reformulados en boa parte grazas aos obradoiros de escritura. Con todo, acada un estilo de seu e mostra a súa visión persoal do mundo. Por exemplo, apréciase a súa visión do mar feita desde o rural, mais cunha forte documentación sobre a mitoloxía mariña.
É moi interesante o papel dos diálogos. Os personaxes interactúan con frases e con silencios, e por veces chégase a unha intensidade e mesmo tensión moi ben lograda. Porén, maila que hai unha forte visión de xénero na construción dos relatos, bótase en falta un posicionamento ideolóxico máis explícito. Un dos maiores logros é que os personaxes non sempre responden ás expectativas que se lle presupoñen, se ben por veces a sutileza pasa demasiado desapercibida. O conflito en ocasións faise evidente e noutros momentos permanece latente, por exemplo a través dos regalos con marcado rol de xénero dos Reis Magos.
Resulta agradable ler as citas: desde auténticos clásicos das letras como Mateo o Evanxelista, os irmáns Grimm ou Virginia Woolf, até o audiovisual máis contemporáneo, como Blade Runner e Todo sobre mi madre, e mesmo do mundo da música, como unha canción dos Diplomáticos de Monte Alto con Mercedes Peón. Tamén é moi interesante o deseño da portada, cun fermoso collage que xa dá unha pista de por onde van ir os tiros do relato.