José Freire
Habemus Papam
Dende as vinte horas do pasado día 28 de febreiro, como consecuencia dun xesto que se pode cualificar de histórico, Bieito XVI deixou de selo 265 sucesor do Apóstolo Pedro, deixando á Igrexa coa chamada Sede Vacante.
Nestes días son moitas as opinións con análises dispares dos oito anos de papado, se ben case que todas coinciden no valor e coraxe na toma dunha decisión tan importante e inusual na historia da Igrexa e que para min resulta exemplar. Non sei deixou levar por un precedente de 600 anos. Pero como digo isto xa case que forma parte da historia.
Agora aos católicos só nos queda esperar o "Annuntio vobis gaudium magnum: Habemus Papam". Ante a proximidade desta gran noticia, como é o anuncio dun novo Papa, xorden as opinións, entre católicos e non católicos, sobre que tipo de Papa necesita a Igrexa actual.
Como seguidor de Xesús de Nazarét e como un humilde membro da Igrexa, coido que, nos tempos que corren, necesítase un Papa menos intelectual e máis pastor. Un Papa máis aberto ás preocupacións e problemas dos seres humanos. Que defenda a liberdade da Igrexa para loitar pola paz, a liberdade e os dereitos do home e a muller. Convén non esquecer que o Evanxeo debe suscitar no home e na muller unha irrefreable esixencia da súa dignidade.
A Igrexa ten que sentirse próxima ao ser humano e servirlle cos feitos a quen vaia ao seu encontro, xa sexa un vello abandonado, un inmigrante, un famento, un parado, un desafiuzado ou unha maltratada, recordando aquilo de "Cantas veces o fixestes cun de meus irmáns, a Min mo fixestes".
Con tristura, e por que non dicilo, con certo cabreo, vexo como algúns membros da xerarquía da Igrexa, afástanse das recomendacións daquela bafarada de aire fresco que supuxo o Concilio Vaticano II, que lles requiría ensinar qué grande é o valor da persoa humana, coa súa liberdade; o valor da familia e a súa unidade e estabilidade; o valor da sociedade civil coas súas leis e profesións; o valor do traballo e o descanso; o valor das artes e da técnica; o valor da pobreza e abundancia. Ao mesmo tempo que debían expoñer cómo se han de resolvelos problemas suscitados pola posesión dos bens materiais, polo seu incremento e pola súa recta distribución, pola paz e pola guerra, e pola fraterna convivencia entre tódolos pobos.
Pola contra dedícanse, dende os púlpitos ou nas rúas, a xulgar as condutas que eles entenden pecaminosas e condenar aos autores, case que sempre os máis desfavorecidos e nunca aos poderosos, ao lume do inferno,
Non se dan conta que só Deus é xuíz e escrutador dos corazóns. E por ilo nos prohibe xulgala culpabilidade interna de ninguén.
Para os cristiás non so o home busca a Deus, senón que Deus mesmo ven buscalo home, para rescatalo e redimilo, e non para condenalo.
Eminentissimum ac reverendissimum DominumA partir de aquí xa saberemos quen é o sucesor de Pedro e polas súas obras xa o coñeceremos. A Igrexa do século XXI estará nas súas mans.
3.03.2013