Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'El disputado voto del señor Cayo'
El disputado voto del señor Cayo é unha novela de Miguel Delibes, publicada en 1978. Está ambientada en xuño de 1977, durante a campaña electoral das primeiras eleccións democráticas ao Congreso e o Senado de España tras a morte de Franco.
Os militantes dun partido político (facilmente identificable co PSOE) percorren as aldeas e vilas do norte de Castela facendo campaña electoral: primeiro uns van pegando cartaces e despois outros van dando mitins e pedindo o voto. Os protagonistas son Víctor, candidato ao Congreso, Laly e Rafa, que chegan até unha aldea onde só viven tres persoas, e Cayo, un dos habitantes do lugar.
Cheguei a este libro a partir do ensaio La España vacía, de Sergio del Molino, que trata tamén a oposición social entre as zonas máis desérticas e as de maior poboación. A novela de Delibes reflexa a oposición entre dous estilos de vida opostos que conflúen nun determinado momento histórico. Dunha banda a mocidade formada, con inquedanzas e referentes políticos e culturais de ámbito universal; doutra banda, a xente maior de aldea, resignada e sen aspiracións.
Ao meu entender, hai tres espazos diferenciados: o local do partido, o coche e a aldea. A sede do partido é un local cutre, que mostra a precariedade de medios dos partidos políticos antes das primeiras eleccións, con menos subvencións millonarias pero moito traballo de militancia. O coche reflexa as tres personalidades diferenciadas de Víctor, Laly e Rafa, amosando as discrepancias non só entre a xente nova e a xente maior, senón tamén as diferenzas entre membros dunha mesma xeración. E o outro espazo é a aldea onde vive o señor Cayo, que percorren por completo: hortas, rúas, sendeiros até a ermida, e a propia vivenda de Cayo e a súa muller.
O libro recolle a escena política do momento, centrándose no PSOE (aínda que sen facelo explícito, se ben se menciona a Ángel Abad) e falando das relacións coa UCD de Adolfo Suárez, presidente do goberno e do que din que cómpre contrarrestar a súa estratexia. Tamén se fala do PC, de Manuel Cantarero del Castillo e do falanxista Raimundo Fernández Cuesta.
É importante a perspectiva de xénero que achega o personaxe de Laly: unha rapaza ao tanto das teorías feministas do seu momento, que ten que aturar a incomprensión dos seus compañeiros de militancia, especialmente Rafa. Amais, ao ver a relación de Cayo coa súa muller cústalle aceptar o rol dela, coitada e silenciada.
Un dos aspectos máis interesantes da novela son os diálogos, que inclúe léxico propio da xerga xuvenil da época. Isto facilitou a adaptación cinematográfica, dirixida en 1986 por Antonio Gómez Rico, con Juan Luis Galiardo, Francisco Rabal e Lydia Bosch como protagonistas. De feito a novela ten numerosas referencias cinematográficas (La estructura del cristal de Krzysztof Zanussi, o neorrealismo italiano), así como musicais (Leonard Cohen, Cuco Sánchez, Pink Floyd, Víctor Jara) e literarias.