Carmen Fouces
Hombría
Hai moito que non sei de vós. Seguro que lembrades aqueles traballos colectivos que faciamos na clase. As polémicas que xurdían e a vehemencia ca que defendíades as vosas posicións. Era reconfortante ver como o debate seguía no recreo, esixíndome que deixara o meu café para vos atender, cousa a que me negaba en redondo.
Nestes días veume á cabeza todo isto, teño que recoñecer que con certa nostalxía e vouvos explicar por que. No último pleno do Concello ao que asistín, un concellerio, que representa a miles de votantes, demostrou canto traballo queda aínda por facer. Tamén debatíamos. A cuestión era se debíamos darlle as grazas a unha ministra (muller) por facer o seu traballo. Xa o tema en si tiña chicha. A cuestión é que un concelleiro (home) cal cabaleiro subido ao seu corcel, defende á "dama" reprochando a falta de hombría dos que non estaban dacordo cos agradecementos. Mirade que temazo para as nosas polémicas!!!
Primeira pregunta: se en vez de ministra (muller), fose ministro (home),tamén usaría a palabra hombría?
Seguramente non, porque o seu subsconsciente xa lle indicaba que iso é de gais e que non se debe utilizar cando se fala de "hombre a hombre". A hombría é unha cualidade do home (macho) que se usa para sementar de testosterona as conversas onde as femias (ministras, neste caso) son as protagonistas.
Segunda pregunta: as mulleres que non estabamos de acordo ca súa proposta debemos sentirnos aludidos na nosa falta de hombría? Isto é para nota. Si pero non, como din os sabios do noso país.
Realmente este concelleiro, que si vos atopades con él, chámase Jacobo Moreira, a pesar de ser un rapaz novo, considera que os debates de altura, os importantes, como os temas de ministras, deben ser entre homes, e as mulleres da Corporación facemos bonito e moderno no pleno. Que non se diga. Por suposto, asiste as pancartas das reivindicacións das mulleres e é fácil imaxinar decindo cousas como que as mulleres son máis listas que os homes, que son capaces de facer varias cousas a un tempo ou que as mulleres da miña vida son o máis importante para mín. Sarta de parvadas que demostran a mala conciencia e como vos dixen antes, o inmenso traballo que aínda temos por diante. Non quero facer contas e saber os miles de euros que nos costou a eduación deste señor, a cantidade de recursos públicos que levamos investido na súa formación para non ter pasado da lección un.
Por unha vez, cambian as tornas. Hoxe falo eu e vós escoitades. Tócavos sacar conclusións. Non baixedes a garda e, sobre todo, ide con coidado con aquelas xentes que o desculpan ou incluso o entenden. O señor Moreira soña con unha sociedade de princesas desvalidas, mulleres floreros e concelleiros con hombría. Temos que poñerllo difícil.
3.03.2013