Xosé Rial
A última vitoria
Unha tarde solleira de finais dos anos noventa, Cuíña era recibido en Combarro cunha pancarta que poñía "Cuiña, sencillamente gracias", era a inauguración do novo porto de Combarro que posteriormente enlazaría co paseo marítimo da vila.
Este conto, aínda resoa nas cabeciñas da dereita poiense, "o bloque queríao peonil" din e engaden que "grazas ao PP, conseghíuse". Non é raro a tertulia política, debate ou foro na internet a día de hoxe onde os fanboys populares sacan da gabeta dos recordos, os vellos recortes de xornais e as antigas fotos . Lembra moito aos afeccionados do Madrid nos oitenta contado as batallas de Di Stefano en Europa. Enténdese, falan da última vitoria.
Esta semana escoitei a un veciño dicir "os de antes polo menos conseghían cousas, os de aghora non fan nada" en referencia aos populares. O sabio home resumiu nunha frase o pensamento de moita xente en Poio.
A realidade é que os populares non foron capaces de conseguir nada salientable para Poio nos últimos vinte anos a pesar de ter o goberno na Deputación, Xunta e Goberno central a maioría dese tempo. Iso si, sempre lle quedará aquela tarde solleira de finais do noventa onde Cuiña inaugurou aquel Porto...
Os conservadores de antano encomendábanse a Santa Trahamunda, os de hoxe prefiren facelo a Facebook, e tal o empeño que poñen na afamada rede, que o "espírito troll" dos seus perfís falsos, apropiouse do partido.
Así que é normal que non fixeran proposta algunha nos orzamentos que se acaban de aprobar, o seu campo de batalla non é deste mundo, é virtual. Así que a corrente conservadora seguiralle quedando as lembranzas daquela tarde en Combarro, a da última vitoria