Marta Rodríguez Engroba
Pregámosvolo... que a nosa dor non sexa o voso negocio!
Penso que se algo podo afirmar con total rotundidade é que a mensaxe que vou tentar lanzar a través destas liñas é o resumo do sentir de todas as mulleres que coñecemos o inferno da violencia de xénero.
E unha mensaxe ben sinxela, que reflicte unha ferida que nunca curará de todo, e que, malia repetila unha e outra vez, semella non ser escoitada por ninguén.
Estamos fartas de que a nosa dor sexa un negocio para moitos, para demasiados. Que o noso medo, as nosas vexacións, sexan usados coma instrumentos para medrar política, laboral e ata socialmente, sen que lles importe o máis mínimo a aqueles que o fan.
Temos, por unha banda,o estamento político. Utilizan a violencia de xénero como unha ferramenta que manexan maxistralmente para tocar a sensibilidade dunha cidadanía que pode, cos seus votos, catapultalos a ese poder polo que, as veces, semella que todo vale.
O mesmo ten que todas esas promesas, esas boas intencións, que aderezaron previamente con fotos nas que aparecen con xestos de dor e minutos de silencio cada vez que unha vida é brutalmente segada por mor da violencia machista queden, unha vez máis, en verbas baleiras, e que a nos, as mulleres, nos sigan matando.
Por outra banda, temos esa morea de colectivos ou máis ben, se se me permite a expresión, "chiringuitos", que liderados, nunha gran maioría por mulleres que din ser adalides do feminismo e da loita contra a violencia machista, podemos dividir en dous gupos: O das que actúan con un "modus operandi" algo máis que cuestionable, baseado principalmente en facer ruido, moito ruido, montar algún que outro espectáculo de dubidoso gusto e unha aínda máis dubidosa eficacia, e descalificar, cando non insultar abertamente, a todos aqueles que non comparten a súa pseudoloita.
Arrementen contra as institucións,pero non teñen reparos, eso si, en optar a canta prebenda poden obter delas... Hai que saber aparcar as conviccións cando procede!.
O segundo grupo está formado por aquelas "políticamente correctas", que derrochando buenismo e sensibilidade van, pouquiño a pouco, achegándose a aqueles que máis interesan, e que, nunca se sabe, despaciño e con boa letra, poden, se cadra, chegar a ser a chave que abra esa porta dun despachiño nun concello, nunha institución e que, ademais, lles da a ocasión de relacionarse con xente de ben, desa que che da enxunlla e un nada desdeñable prestixio social.
Ambos grupos teñen algo en común: O que menos lles importa son as vítimas da violencia de xénero e o calvario que están a sufrir. Soamente as utilizan como salvoconduto para acadar os seus obxectivos, que nada teñen que ver, obviamente, con esa loita que din levar a cabo, e que nin lles conmove o máis mínimo, nin moito menos a levan a práctica. Unhos obxectivos ben definidos e que, en moitos casos, acaban por alcanzar a costa da dor de tantas mulleres e das súas crianzas. É obvio, ademais, nos dous casos, que o traballo e a axuda reais non figuran entre os seus activos.
Non se pode negar o evidente. A violencia de xénero é un negocio para moitos, e dos lucrativos. A o seu abeiro se agochan múltiples intereses, disfrazados de sentemento, de implicación, que non fan senón utilizar, humillar e insultar a cantas mulleres viviron ou estan a vivir esa lacra tan atroz nas súas carnes, en entre as cales me inclúo.
Tanto lles custa entender que coas súas actuacións, cos seus egoistas manexos, tamén están a maltratarnos?
Porque si, iso é o que estades a facer cantos nos utilizades para medrar, para acadar os vosos egoístas fins: maltratarnos.
Loitade por aquelo que desexades, pero con dignidade, traballando, sen danar, sen ferir. Ou, dito doutro xeito, que a nosa dor non sexa o voso negocio.
Asociación Si, hai saída
662537825