Pedro J. Peón Estévez
Grande dor en Pedrógão Grande
A traxedia de Pedrógão Grande no distrito de Leiría víase vir. É o que cabía esperar sabendo que tan só o tercio occidental da península Ibérica ten case tantas hetares de eucaliptais coma toda Australia.
Non hai moito que pasei por alí caminho de Setúbal e se ben xa sabía que Portugal está pragado de eucaliptares, coma así fiquei horrorizado: aquelo, máis que unha sucesión de plantacións, era un océano de eucaliptos e que ardese era só unha cuestión de tempo. O sorprendente era que non tivese ardido antes.
Imaxinei, naquela altura, o que pasaría de arder aquel polvorín. Pensei naquelas aldeínhas, naquela xente fuxindo por aquelas estradas, auténticas trincheiras entre eucaliptos, trampas mortais...caminhos do inferno.
Disque foron os raios quen prendeu o lume. E serían...por que non? As autoridades portuguesas non culparon a pirómanos pantasma, como adoita facer o noso goberninho. Mais se pasou unha vez por mor dos raios, quere dicir que pode volver a pasar en calquera momento e lugar con parelho resultado alí onde proliferen os eucaliptos de xeito irracional e tanto terá que o chan estea limpo ou non. O pirófito eucalipto arde polo dosel, de copa en copa, como ben sabemos todos por experiencia directa ou a trveso dos medios.
O de Leiría foi a crónica dunha morte anunciada. Xa ó pasar por Aveiro, o conhecido fedor que se meteu no tren fora un mal presaxio e o mesmo en Viana ou en Figueira da Foz; un espeso fedor a morto.
Non hai nada novo baixo o sol; isto xa pasou antes e volverá a pasar e non lhe porán remedio. Morrerá xente, arderán as suas casinhas, decretaranse días de loito e non se tomarán medidas porque, mentres uns sofren, outros enchen os petos de cartos e reparten esmolas entre o fato de desalmados que os apoian.
E sempre xurden aqueles que din que "non é o momento de buscar culpables"...e para que? Eu ben sei quen ten a culpa e vostede tamén.
En Pedrógão Grande quedou ben claro que a celulosa mata.
Pedro Joaquin Peón Estévez