Pedro Ferreira
Libre directo. Análise 27ª xornada
Entramos no tramo de liga onde os equipos empezan a ter vertixe, o temor a perder é máximo e o demostra o que dos sete equipos aspirantes ás dúas prazas de ascenso sen dono, cinco deles empataron e o único que gañou, o Cerceda, o fixo a conta do único que non o fixo, As Pontes, que foi o gran prexudicado.
No partido da xornada disputado en Abegondo, punto de ouro para o Deportivo B dado que o rival era o intratable Rácing de Ferrol.
O Somozas, ao que curiosamente se lle dan mellor os equipos da zona alta, non foi capaz de manter a vantaxe que tiña de dous goles ante o Pontevedra e ve como non sae da focha, que xa empeza a ser moi grande, tan só conseguiu dous puntos dos últimos quince disputados.
O triunfador da xornada foi sen dúbida o Cerceda. Mantén unha segunda volta case inmaculada cunha soa derrota e ante o outro grande do grupo, o Celta B, ademais nesta xornada deu conta dun rival directo e estas vitorias teñen máis valor.
O Ordes é o outro equipo que leva unha segunda volta con cifras de líder, aínda que nesta ocasión se tivo que conformar cun empate na recta final do partido que seguro que lle deixa un bo sabor de boca; recordemos que levan sen perder doce partidos.
Outro equipo que está nun momento máis que doce é o Céltiga, xa son seis partidos os que leva sen perder e iso que onte viu como lle escapaban dous puntos ante o Barbadás no último instante do partido.
Volve a posicións de descenso o Villalonga e coa dor engadida de facelo ante un rival directo como o Betanzos.
Esta semana encontrámonos cun novo inquilino no banco do Alondras, Curiel. Importante o punto feito ante a S.D. Compostela, pero co mesmo panorama en canto ao gol e deste xeito xa son seis partidos seguidos como local que os de Cangas non perforan a portaría rival, dato a estudar.
Polo demais de enorme valor o triunfo do Negreira nun partido disputadísimo e emocionante pola transcendencia para a clasificación e pola rivalidade entre ambos os dous equipos.
O próximo fin de semana depáranos un gran partido en San Lázaro entre dous equipos feitos para xogar a fase, S.D. Compostela-Cerceda.
REXIONAL PREFERENTE
Nesta categoría xa se vai aclarando a zona alta da clasificación, cos resultados deste fin de semana podemos aventurarnos a dicir que xa só son cinco equipos os aspirantes ao ascenso directo e a esa terceira posición que este ano pode que teña un valor importante, pois vemos que os dous únicos equipos galegos que militan en Segunda B están nunha posición solvente.
Para dar esta opinión o resultado de As Gaiandas foi clave. Nomearamos este enfrontamento como o partido da xornada, conscientes que de perder o Arosa quedaría fóra da loita polo ascenso. Dez puntos a falta de 33 é unha distancia enorme, pero é que ademais ten a Portonovo e Sanxenxo por medio a nove e oito puntos.
Os que seguen dando que falar son os que queren escapar do descenso. Mondariz, Pontellas e Estradense cos seus tres puntos conseguidos tratan de poñer terra por medio e deste xeito implicar un equipo que vén en caída libre como o Barco.
Novo resultado negativo do Marín e o seu futuro vese negro. Neste caso o beneficiado foi o Mondariz, que en relación a el o deixa sentenciado.
Ata oito equipos están nesa situación con dependencia directa do futuro dos equipos de terceira división e pertencentes ao grupo sur. Está claro que hai moita tea que cortar e demasiados duelos directos que van dicir moito de aquí ao final da liga. A diferenza quizais estea na liña de resultados que traen neste último tramo da competición e neste estudo vemos a un Verín abocado ao peor.
Esta semana decantámonos como partido da xornada polo que se vai disputar en A Xunqueira entre o Pontevedra B e o Xuventú Sanxenxo. Os locais teñen que reaccionar ante a posición que ocupan na táboa clasificatoria e os visitantes despexar esas dúbidas que ofrecen fóra de Baltar de Arriba.