Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: Poesía e Microrrelato Pontevedra
Poesía e Microrrelato Pontevedra organiza cada dúas semanas un encontro literario, que ten lugar o primeiro e o terceiro venres de cada mes na Taberna do Jazz, na rúa de San Sebastián. O formato é ben sinxelo: catro persoas recitan ou len durante dez-quince minutos, e ao rematar hai un espazo de micro aberto para que cada quen recite, fale ou lea durante dous ou tres minutos.
O proxecto comezou en maio de 2016, seguindo o modelo da iniciativa irmá Poesía e Microrrelato Compostela, que comezou en outubro de 2014 da man de Diego Horschovski e que segue a organizar recitais o primeiro e terceiro martes do mes en Caldeirería 26. E felizmente, en xuño de 2017 naceu Poesía e Microrrelato Vigo, que celebra os seus encontros o segundo venres de cada mes no local Galo do Vento. En Pontevedra foi a autora e tradutora Tamara Andrés, quen comezou a organizar os encontros. Primeiro celebráronse os xoves, despois pasaron aos luns, e agora parecen asentados nas noites dos venres.
O público é variopinto: desde persoas xubiladas a estudantes, autoras con obra publicada e xente que vai ler os seus primeiros textos. Escritoras coñecidas e afeitas a recitar ante públicos máis numerosos, e outros tímidos que queren ler nun ambiente máis familiar.
Porque se algo destacaría dos encontros de Poesía e Microrrelato Pontevedra é o ambiente de camaradería que existe. En Compostela, para ben ou para mal, hai un público moito máis numeroso que impide unha completa interactuación, pero en Pontevedra adoitan asistir unhas vinte persoas, o que permite que a xente se vaia coñecendo e se formen relacións de amizade. As persoas que chegan por vez primeira atópanse cómodas, e moitas delas acaban por participar en seguintes certames.
Nos últimos encontros tamén se adoita combinar o recital coa presentación dalgún libro das persoas que adoitan ir. Polo xeral, son obras de autoedición e baixa distribución, respondendo ao espírito de Faino ti mesm@. O desexo de comunicar e ver a obra plasmada está por riba dos intereses comerciais e editoriais, e é pracenteiro ver o orgullo con que as persoas presentan os seus textos. Pero non só: polos encontros de Poesía e Microrrelato Pontevedra pasou tamén xente nova con obra publicada e recoñecida pola crítica, como Míriam Ferradáns, Antón Blanco, Antía Otero ou o tradutor Keith Payne.
As intervencións son tan variopintas como as persoas que interveñen. Algunhas son sumamente sobrias: a escritora ou escritor sube ao escenario, le as súas creacións e baixa do escenario. Outras son máis humorísticas, cun speech de cara ao público e un fío condutor entre poema e poema. Hai tamén acompañamentos musicais, performances, lecturas de textos alleos ou homenaxes.
Anímovos a vir e botar un ollo. O próximo encontro terá lugar o venres 21 de xullo ás 21:30.