Francisco Freire Vila
Eiva xenética
Chama a atención (ou non) que a maioría dos comentarios que fan os lectores e lectoras nas noticias deste xornal sexan nas que tratan temas políticos. Moitas veces as persoas comentaristas enceréllanse entre elas para defenderen o indefendible. Tamén isto soe suceder nas cafeterías, bares, etc. ante unha xornada de fútbol no que cada seareiro defende, ás veces con unllas e dentes, un equipo ou un xogador coma se lle pasasen unha paga semanal por facelo.
Moitos dos enguedellamentos non chegan a ningún lugar, ah si, ás ofensas e descualificacións. En realidade, parece que nos gustan as leas, as rifas, os insultos, as aldraxes, as inxurias para impoñernos ao receptor ou receptores do acto comunicativo. Quizais sexa unha falta de autoestima dos emisores das mensaxes! Pero o preocupante é que os nenos e nenas están copiando estes comportamentos, pouco exemplares, porque é o que ben nos seus referentes adultos. Así pois, a transmisión xeracional está asegurada!
Certo é que os enleamentos son inherentes ao ser humano e aos animais, no entanto, nos seres humanos ás veces son incomprensibles. Esta semana temos un claro exemplo na noticia Atrasan a súa operación por non poder cubrir uns impresos en galego no Hospital Miguel Domínguez. Ante este tipo de temas relacionados coa lingua, pronto xorden dúas posturas enfrontadas e que son frecuentes atopar, curiosamente máis, cando os interlocutores son galegos. Isto é incomprensible porque tanto uns coma os outros, cunha xenealoxía amplamente galega, son responsables directos de mirar positivamente pola súa lingua e actuar de forma activa na súa conservación e transmisión xeracional e non só en termos académicos senón de valores. Polo tanto, non hai lugar para discrepancias nin divisións neste tema. ÿ o mesmo que o coidado e respecto por unha carballeira centenaria na que todo ser humano debe estar implicado en facer un bo uso dela, de desfrutala e conservala para deixala como legado (en perfectas condicións) aos descendentes. Non facelo sería unha falta de responsabilidade ou unha eiva na xenética dos galegos e galegas, no tocante á nosa lingua, e na xenética humana, no aspecto medioambiental.
10.03.2013