Pedro Ferreira
Libre directo. Análise 28ª xornada
Se alguén tiña algunha dúbida de quen se vai adxudicar a primeira posición ao termo da liga, creo que a falta de dez xornadas está máis que claro; nova vitoria do Rácing de Ferrol e ademais insultante ante un Rápido de Bouzas que colaborou co espectáculo. Mesmo a próxima xornada, dependendo dos resultados que se dean, se pode clasificar matematicamente para a fase de ascenso.
Importante o punto conseguido polo Pontevedra en Barreiro, importante por ser un feudo onde poucos equipos rabuñan algo e por realizar por segunda semana consecutiva unha remontada, e deste xeito permanecer preto das catro posicións de privilexio.
E preto segue o Ordes a pesar de empatar na casa, pero xa son trece partidos seguidos os que leva sen perder.
O grande prexudicado e único que non fixo puntos foi o Cerceda. Curiosamente a semana pasada fora o único dos que optan a esas prazas que gañara.
Do partido da xornada dicir que neste caso un colexiado o estragou e foi clave no resultado final do partido, tratábase dun árbitro catalán e no minuto 60, con 1-0 no marcador, sancionou con penalti ao Cerceda nunha man que foi fóra da área e co dobre erro de expulsar a Noé con vermello directo pola man para logo expulsar no minuto 81 a Xaco por unha acción difícil de interpretar como vermello.
Pola cola, clara e contundente derrota do Villalonga en San Pedro ante o Deportivo B, onde destaco un xogador que mira cara á primeira división, Luis, que xa leva 12 goles a pesar de empezar tarde a xogar como consecuencia dunha lesión, onte en concreto fixo dous goles doutra categoría.
Triste e dolorosa a derrota do Céltiga que corta un refacho de seis partidos sen perder e doe por ser ante un rival directo.
Para a próxima xornada custounos encontrar un partido onde ambos os dous contendentes se xoguen algo importante e decantámonos polo Céltiga-ÿrdenes, os locais a recuperarse do tropezón desta semana e os visitantes a ampliar ese refacho de partidos sen perder.
REXIONAL PREFERENTE
Aquí encontrámonos con tres equipos situados en terra de ninguén e que se aferran ás matemáticas para seguir loitando por incorporarse ao grupo dos bos. Atios, Arosa e Ribadumia conseguiron vitorias claras e contundentes. Deste xeito achéganse timidamente ao grupo dos favoritos.
O devandito grupo encabézao a Cultural Areas que, co enorme potencial que ten en ataque (Carlos, Areas, Ferreiro), se mantén firme e é o favorito para o ascenso.
Sorprendente foi a derrota do Gondomar e non por perder, xa que o fixo ante un Ribadumia que debería estar moito mellor situado na clasificación, pero si polo avultado do marcador 7-0.
O partido da xornada non nos aclarou nada, o Pontevedra B pouco a pouco se vai complicando o seu futuro, e o próximo partido teno ante o Gondomar, difícil saída. O Sanxenxo unha semana máis volve ofrecer pouca solvencia para ser un candidato firme ao ascenso.
O que sacou un partido complicado adiante foi o Portonovo que se sitúa en praza de ascenso.
E atención ao resultado da Estrada. Doio entre dous equipos destinados a sufrir e saíron gañadores os do Deza.
Respira o Barco e por fin consegue unha vitoria que non coñecía este ano.
Nova derrota do Marín que ve como as súas posibilidades de salvar a categoría quedan cada día máis lonxe
No Carballiño sopro de aire fresco para o Arenteiro e unha dor dos grandes para o Unión Grove que ve como se complica a súa clasificación.
Como partido da xornada designamos o Atios-Arosa. O gañador seguirá soñando, o perdedor dirá adeus e en caso de empate faranos ambos os dous.
11.03.2013