Marisa Lozano Fuego
PONTEBERCE (reflexións trala morriña da Feira Franca)
Pontevedra é berce de soños. Ás veces fico nunha praza, por exemplo na Ferreiría, e observo ás pombiñas pasar. As mesmas que cando pequena acudían a comer da man, as mesmas que se fan vellas, mulleres, cansas, coma min. Unha cana na Verdura amósame ese escaparate de peles, latexos e cuspes coñecidos, mornos, de min.
Cadaquén co seu pasado, as costas cubertas de fume, ou de fillos, exames, noites, afogando nunha Estreliña toda esa tristura sen voz. Os rostros, os pasos, sorrisos como os de Manolo Parrulo na Oliva, sempre atento, gritando alto :”María, invítame a un café”. A súa maneira de sorrir co esa mirada de neno, a satisfacción cando lle dis ”Que guapo vas esta mañá”.Os andares de Guillermo, sempre carismático, dandy, un galán perpetuo da rúa con sombreiro de reiseñor. O seu saúdo educado e tenro, que nunca perde a dignidade, entre toda a masa de xente que non sempre sabemos rir.
Rir á desgracia e rir ó frío, a nosa vila pequeniña agacha tesouros ocultos, nos caixeiros, na igrexa, alí, alí, xusto embaixo da ponte donde durme o soño dos xustos unha persoa, un irmán que o Fado destinou alí.Cando paseo pola Alameda e vexo o Valle Inclán na pedra, ese instituo que tras anos tanta sabedoría gardou, lémbrome de aqueles Mestres, daqueles libros sempiternos que nos ensinaban cultura, rutas da vida e do saber. E pregúntome, meus amigos, se todavía recordamos e damos valor ós tesouros que se agachan preto daquí.
Un paseo en Feira Franca, o saúdo daquel veciño, un xeado en pleno inverno..unha sonrisa tralo acordeón.O músico que pide na rúa, aquela que vende o pan, os que limpan as rúas e fan que o traxecto sexa fermoso.
Dende aquí douvo-las grazas por facer esta cidade humana, Pontevedriña, ás veces rabio, ás veces afoguei eiquí.E outras veces, cidade meiga, digo, bendita sexas toda, és un microcosmos fervente, espallando trozos de voz.Voces, peles, humanidades, canzóns cheas de lume e vida, bágoas que semellan rocío…Caricias que quedan aquí.
Poñámonos flores no pelo, e un raio de sol na meixela…unha cunquiña de ribeiro..e Pontevedra
brilará.