Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Pedro Páramo'
Pedro Paŕamo é a única novela do mexicano Juan Rulfo (1917-1986), e serviulle para pasar á posteridade. Foi a segunda obra do autor, publicada en 1955. É xa un clásico da nosa literatura. Que vos vou contar? Non obstante, xa a intentara ler varias veces e non me enganchara, e esta vez remateina pero non me entusiasmou, a verdade, non lle acabei de coller o punto.
Comeza ben. O relato en primeira persoa dun home que lle promete á nai, no seu leito de morte, que ha regresar a unha aldea para lle reclamar ao seu pai, Pedro Páramo, o que lles pertence. Até aí ben. Pero despois comeza unha concatenación de cambios de situación que me fan tolear, e para o meu gusto non achegan nada nin á trama nin ao estilo.
Recupera algo de forza cara ao final, cando o relato pasa de estar ambientado nunha vila anódina e perdida ao contexto da revolución mexicana, co profeso convulso e os diferentes bandos. Os personaxes comezan a ter tirón e forza, os diálogos comezan a ser vivos. Até entón a morte e o destino parecían centrar o fío condutor, con personaxes abocados e deixados por si mesmos, pero a aparición dos bandos armados dá pé á acción e a decisión.
A pesar de todo, penso que de cada lectura sempre se tira algo positivo. Neste caso gustoume aprender sobre a superstición relixiosa do pobo mexicano, máis temerosa de Deus omnipotente e da Virxe que consciente do que significa o cristianismo. Tamén é interesante para coñecer a situación social de pobreza e miseria no contexto rural, na que un plan a medio prazo dependente da meteoroloxía que ha influír na colleita do millo. Resultoume curioso o erotismo latente, que sen chegar a ser explícito deixa entrever moitas situacións suxestivas, especialmente nos personaxes famininos.
Outro aspecto que me gustou é o lingüístico. Amais de coñecer novo léxico (algunhas palabras aparecen anotadas na edición de Anagrama, con prólogo de Luis Izquierdo), os xiros e expresións do castelán de México combínanse con aracaísmos, vulgarismos e pleonasmos que dan verosimilitude ao texto, maís especialmente nos diálogos ca nas narracións.
En fin. Unha desas obras que hai que ler, pero sen máis. Para ler unha novela sobre tramas familiares prefiro Cien años de soledad. Para ler unha novela sobre a época da revolución mexicana prefiro El tesoro de Sierra Madre, que tamén dá descricións chulas do país. Para ler unha obra de historias fantásticas prefiro Merlín e familia. Para ler tramas entrelazadas de diferentes épocas con trasfondo político e social prefiro La saga/fuga de J. B.