Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: librarías
A través das redes sociais souben que onte, venres 10 de novembro, foi o día das librarías. Cando o vin pensei que sería a efeméride dalgún evento, pero despois vin que non, que simplemente é unha copia barata do Black Friday. O días das librarías celébrase en España o segundo venres de novembro, organizado desde 2011 pola Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros.
A primeira libraría da que teño recordo é Maraxe, en Cangas, nun local que xa non existe. Desa época gardo libros de Asterix e de Mortadelo, que mercaba en ocasións especiais. Moitos deles teñen anotada a data do meu aniversario, do día dos Reis Magos, ou así. Miña nai contoume unha anécdota que non lembro, tería cinco ou seis anos: o día anterior caérame un dente, e pola mañá espertara cun cómic baixo da almofada. Pola tarde baixabamos ao parque, díxenlle a miña nai que agardase un momento e entrei na libraría. Dirixinme ao dependente, que me coñecía doutras veces, e pregunteille se o día anterior fora por alí o rato Pérez. Quedoume mirando con cara de circunstancias, e entón entrou no local a miña nai, que o liberou do interrogatorio.
Pasado o tempo, cheguei a traballar nunha editorial e nunha distribuidora de libros. O máis parecido que tiven a traballar nunha libraría foi no Nadal de 2008. Durante varios días repartín caramelos en Vilagarcía de Arousa disfrazado de Papá Nöel amarelo, cor corporativa dunha coñecida cadea de librarías -agora tamén instalada en Pontevedra- que eu publicitaba.
Despois, xa en Pontevedra, adoitaba ir ás librarías Michelena e Paz. Agora gústame pasear e determe nos escaparates das librarías da zona vella, como Pueblo baixando cara á Verdura, Cao en Sarmiento e Metáfora en Chariño. Mais recoñezo que non son un bo cliente de libraría. Gústame máis mercar libros de segunda man ca libros novos. O mercado editorial, ao fin e ao cabo, adoita rexerse por criterios comerciais, e os prezos dos libros novos están inchados como os de calquera outro produto a estrear. Son fan das autoedicións, e cando é posible prefiro mercarlle directamente á persoa autora. Amais, mercando libros de segunda man adoita atoparse dentro deles algún pequeno tesouro como marcapáxinas: unha estampa de primeira comuñón, unha lista da compra, unha flor seca.
Nestes tempos de compra/venda por internet, as librarías están a vivir procesos de reconversión ou especialización. A devandita Paz está especializada en cómics. En Cangas, a libraría Wells está especializada en ciencia ficción. En Santiago de Compostela, Lila de Lilith está especializada en temática feminista, Numax en contidos relacionados co cinema, e Chan da Pólvora en poesía. En Barcelona existiu a libraría Negra y criminal, no barrio da Barceloneta, especializada en novela negra.
As actividades máis coñecidas das librarías son as presentacións de libros, como as dúas que houbo antonte xoves. Outro tipo de accións que levan a cabo son os clubs de lectura. Eu participio no da libraría Paz que dirixe Miriam Ferradáns, quen propón libros que comentamos despois de ler. Despois, temos encontros -en vivo ou virtuais- coas persoas autoras, para lles comentar as nosas opinións sobre os textos.
Non son en absoluto fan das efemérides, e menos daquelas que teñen un obxectivo comercial, pero polo menos a data serviume para escribir este texto. Recoméndovos irdes máis ás librerías, aínda que para lerdes non fai falla ir a elas, sempre podedes ir buscar material ás bibliotecas, das que tamén se podería escribir outro post.
Libraría Michelena. Xuño de 2010