Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: casas-museo
As casas museo son espazos adicados á memoria dunha personalidade, situados no espazo en que naceu, morreu ou pasou parte da súa vida. O propósito é amosar as obras e obxectos no marco en que desenvolveu a súa existencia. Xeralmente consérvase parte do mobiliario e obxectos decorativos da época, para recrear as condicións de vida e costumes do momento.
A nivel persoal gústame moito coñecer a vida das persoas pero non tanto por morbo senón para comprender mellor a súa obra en base ao contexto en que se creou. É por isto que me gusta ler biografías, como a de Ennio Morricone , Joselito, Andrés do Barro ou Patti Smith, ou os libros con moita carga autobiográfica: Fante, Bukowski, Xulia Alonso, Shmelev, Sabino Torres.
Gústame moito visitar casas museo. Emocionoume moito ver as dúas adicadas a García Lorca, na horta de San Vicente en Granada e a súa casa natal de Fuente Vaqueros. Ao parecer está moi chula a casa de Van Gogh en Amsterdam. E este texto ocorréuseme en Catalunya, logo de visitar a casa de Salvador Dalí en Portlligat e o castelo que lle regalou a Gala en Púbol.
Nestes espazos expóñense os obxectos persoais de uso cotián e outros ligados coa súa obra, como debuxos, a biblioteca persoal ou correspondencia. Tamén pode haber obxectos reunidos pola persoa como parte da súa colección privada.
As casas museo queren ser espazos de exposición, recordo e homenaxe. Adoitan estar xestionadas por fundacións, xa sexan creadas ou promovidas parte dos seus descendentes, ou ben da man de institucións públicas. En ocasións é preciso levar a cabo obras de remodelación para transformar a vivenda en museo, con reconstrucións para recrear o aspecto que tivo nunha época determinada.
En Galiza temos unha chea delas, con maior ou menor contido. A casa de Pardo Bazán comparte espazo coa sede da Real Academia Galega. Tamén na Coruña están as casas museo de María Pita, Casares Quiroga e Pablo Picasso, que viviu nesa cidade entre 1891 e 1895.
A nivel persoal as casas museo galegas que máis me gustan son as de Otero Pedrayo, pola importancia que tivo Trasalba xa non só na súa obra senón para toda a xeración Nós, e a de Camilo José Cela en Iria Flavia, pola inxente cantidade de material que contén. Mais posiblemente a máis coñecida sexa a de Rosalía de Castro, a Casa da Matanza, situada preto da anterior. Nos últimos anos o padroado da fundación está a levar a cabo un traballo moi interesante de adquisición, recuperación e posta en valor de materiais.
Está moi ben a casa museo de Manuel María, acondicionado para levar a cabo obradoiros infantís, ao igual ca a de Valle-Inclán en Vilanova de Arousa. Pola contra, a casa de Eduardo Pondal en Ponteceso non é visitable. Teño pendente ir á de Wenceslao Fernández Flórez en Cecebre, á de Manuel Antonio en Rianxo, ou á de Uxío Novoneira en Parada do Courel. Tamén poden ser curiosas as de Vicente Risco en Allariz e a de Ramón María Aller en Lalín.
Chámame a atención a de Víctor Corral en Begonte. É un escultor que ten parte da súa obra exposta no xardín e no interior da súa vivenda, aberta a quen a queira visitar. Outro caso particular é a casa museo de Cristovo Colón en Portosanto. Desde hai anos lévanse a cabo estudos sobre a presunta orixe galega do mariño este. A Casa da Cruz foi inaugurada en 2010, logo de restaurar a vivenda que levaba anos abandonada.
Un dos meus maiores desexos é ir ao concello de Torricella Peligna, nos Abruzzo. Alí celébrase desde 2006 un festival adicado a John Fante. Fante naceu en Colorado, Denver, pero na vila na que naceu o seu pai celébrase cada agosto un encontro na súa memoria.
Para cando unha casa museo en Pontevedra? Temos unha eiva enorme nese campo. Nin sequera hai placas indicativas nas casas natais de Valentín Paz Andrade, Filgueira Valverde ou Sabino Torres. Tampouco se indica onde viviu Castelao na rúa da Oliva. Se cadra o máis semellante é o despacho de Méndez Núñez simulado no museo provincial.
"Outeiro de Rei, abril de 2016"