Daniel Froiz
Os edukadores
Estamos unha vez máis ante un proceso electoral. Coñecemos diferentes filmes que abordan este tema. Hai poucos días tiven a oportunidade de ver a película Os edukadores, producida en Alemaña e protagonizada por un rapaz hispano-alemán que sigo de preto chamado Daniel Brühl.
Alemaña, moi criticada últimamente a nivel político, é un país onde cada día veñen vivir máis galegos e galegas e onde a desigualdade social resulta unha das máis baixas de Europa. O noso xa é o primeiro en desigualdade. Malia que iso a Botín lle importa un rábano.
A película, aínda que ten certos tintes ideolóxicos, non é puramente discursiva ao deixar o espectador a liberdade de interpretar ese discurso dende diferentes puntos de vista e identificarse con calquera dos protagonistas, malia que eles vexan a política e a formas de vida dende polos totalmente opostos.
As veces, a película recorda proclamas coma as de "nen de esquerdas nin de dereitas, somos os de abaixo e imos a polos de arriba" e outras como "se vos puxésedes a traballar e a producir...". Proclamas que escoito aquí e alá estes días.
Doutra beira, vexo estes días, esa conciencia democrática que vén ultimamente de todos os lados coa teima de que hai que ir votar. Os dun lado, porque din que se non se vota os votos irán para a maioría, que entenden non serán eles; os do outro, porque entenden que a fidelidade dos seus votantes pode outorgar esa maioría tamén. Hai tanto fervor democrático que se poñen buses e taxis para que a xente poda ir votar.
Tamén hai quen di que se non votas, non te podes queixar despois.
Eu coido que a a política e a democracia se simplificaron considerablemente neste país. Simplificar está mal dito aquí porque, de feito, nunca chegou a desenvolverse dunha forma veraz e transparente para os cidadáns; xa que o bebé que temos por democracia neste pais, a máis nova da vella Europa, resultou ser un cúmulo de mentiras. Dende a famosa transición, O PARTIDO (que son todos aqueles que pasan polo aro político dos intereses duns poucos que teñen moita pasta. Moita non, moítisima e de forma enfermiza e obscena) fíxose co poder mediático e económico e levan, dende entón, repartíndose o pastel.
Eu creo que xa está ben. A política non se exerce o día das eleccións. A política, como cidadán, se exerce cada día. Aquilo de que na mesa non se fala de política, xa non vale. Do que non se debía falar era tanto de fútbol ou da Esteban. De política si debiamos falar, sobre todo, se nos dá a gana. E por suposto saír a rúa a protestar se non se está dacordo. Pacíficamente. E volver a casa enteiro. E buscar iniciativas que fagan mellorar a túa cidade, o teu país. E levalas a cabo, se podes. E se non queres votar, tes os mesmos dereitos cos que votan, faltaría máis. E os mesmos deberes. Porque un cidadán tamén ten deberes como tal. Ademais de manterse dentro da lei. Deberes co resto da sociedade, coa natureza e co ámbito que nos rodea.
Os Edukadores son tres rapaces que tratan de cambiar o mundo e se atopan de fronte coa realidade que queren cambiar, e aprenden dela. Isto tamén é democracia, cando todos podemos aportar, cando se asume que de calquera parte, por moi lonxe que te encontres dela, podes aprender algo novo. Cando es capaz de querer o teu amigo, familiar ou veciño, malia que pense diferente a ti.
Aínda nos queda moito por madurar. Por suposto, precisamos de políticos que sexan capaces de sentar aqueles colegas seus que rouban ou roubaron ao pobo, políticos de verdade que nos representen a nós. Non ao PARTIDO e aos seus intereses. E precisamos cidadáns que, voten ou non voten, aporten. E, sobre todo, que fagan saber aos que nos gobernan, que estamos aí, que gobernan para nós.