Marta Rodríguez Engroba
Visibilización ou show?
Patriarcado, cosificación da muller, machismo……..
Estes conceptos son nomeados e obxecto de debate e de repulsa case cada día, e, por desgraza, non sen motivo, xa que están, malia que tenten facernos crer o contrario, moi presentes na nosa educación, na nosa sociedade, sendo os caldos de cultivo perfectos para que a violencia de xénero non soamente non vaia a menos, senón que semelle ter todas as papeletas para perpetuarse entre nos, sen que a súa erradicación se albisque nin de lonxe.
Ainda así, insisto, manexamos moito estes termos, e, de xeito especial, en datas como as que acabamos de deixar atrás, próximas ao 25 de Novembro, nas que, de súpeto, e como se isto fose algo novo, todo o mundo semella facerse eco de que a nós, as mulleres, nos están matando.
Persoas con sona que din estar a loitar contra a violencia machista, cargos públicos, representantes de institucións, de algúns colectivos que se autodenominan feministas,etc, etc, se unen durante uns días para aparecer en concentracións, en medios de comunicación, e en canto acto público quede cumprida constancia da súa presenza, coreando un clamor no que piden xustiza e protección para as mulleres maltratadas e para as súas crianzas.
Isto en si mesmo non tería nada de malo, todo o contrario, se fose da man de accións reais e efectivas que lles brindara ás vítimas a protección e os recursos que precisan e non se quedara en mero postureo que o único que persegue é o lucemento de aqueles que organizan e secundan todo este show.
Pero por se este espectáculo non abondara, todo apunta a que estamos a asistir a outro fenómeno que vota polo chan de xeito flagrante todo canto estes "adalides" da loita en prol da muller en xeral, e das vítimas da violencia machista en particular, din defender.
Estou a referirme a aparición de mulleres que foron maltratadas en programas de televisión nos que relatan a súa desgraza con todo luxo de detalles, habilmente "traballados", eso sí, e non en calquera programa, senón nos emitidos por unha canle que ten como sinal distintiva o uso da muller como se fose unha auténtica mercadoría, amén de toda unha grella caracterizada polos seus contidos machistas, pola cosificación de sexo feminino e pola exaltación do "machoman" musculoso,bronceado, sen un pelo supérfluo no seu corpo, e con aires de "malote", que ten a potestade de escoller entre unha ampla exposición de mulleres as que se lles escrutan os atributos como se, e perdoádeme a comparanza, dunha feira de gando se tratase.
Unha tras outra, e durante varias semanas, estas mulleres van desgranando as atrocidades ás que foron sometidas, lanzando as veces mensaxes tan letais como "para todas as mulleres é prioritario atopar unha parella" ou "a culpa foi miña porque non souben telo contento", coas que mesmo xustifican o calvario ao que as súas ex parellas as someteron.
E a cousa non remata aí. Por se isto non abondara, e a diferencia do que case con toda probabilidade se atoparon mentras viviron o seu pesadelo, nesta ocasíon non están soas.
Como moscas ao mel, acuden, sen reparo algún, a dar tamén a súa testemuña familiares e amigos que, sendo, por certo, coñecedores a maioría deles do que lles estaba ocorrendo no seu momento nunca dixeron nin fixeron nada e ainda menos denunciaron, pero que non teñen, pola contra, reparo algún en contar a súa versión diante dunha cámara. Tamén a este mediático reclamo acuden, e esto si que xa me supera, representantes dalgunha institución e organismo que se supón están para axudalas e que non dubidan en contarnos o muro inexpugnable de defensa que din construir arredor delas, así como en falarnos desas terapias milagreiras que fan que a súa vida dea un xiro radical nun tempo case récord, pasando de estar afundidas a un estado de total felicidade sen apenas pestanexar, creando noutras vítimas que están a ver o programa unhas falsas expectativas que, cando se dan de bruzos coa realidade poden chegar a provocar, e de feito o fan, que desistan de continuar adiante co proceso que as axude a sair do inferno no que se atopan inmersas.
Sinto, porque sei que cando fago manifestacións deste tipo son moitos aos que non gustan,pero non podo por menos que deixar moi claro o meu rexeitamento ante esta utilización descarada e sen escrúpulos da dor, da vulnerabilidade dalgunhas vítimas que as fai ser presa fácil de quen lles proporciona o minuto de gloria e lles promete pouco menos que o maná buscando única e exclusivamente o seu beneficio.
Falar de feminismo, de patriarcado, etc, etc, e contribuir a tan bochornoso e denigrante espectáculo é, ademais de indecente, unha gran mentira.