Marta Rodríguez Engroba
Se a ti che gusta, cariño, por min está ben
Hai un par de días, nunha desas cada vez máis raras ocasións para min, na que tiven a oportunidade de disfrutar dunha charla de sobremesa, saíu a relucir o tema do feminismo e unha amiga chamou a atención sobre unha cuestión que, en honor á verdade, teño que dicir que a mín tampouco me pasara desapercibida, que se está a dar cada vez con mais frecuencia, e que eu penso que é, como mínimo, preocupante, e deixa patente, ademais, que, de feminismo, como de tantas outras cousas, é moi doado falar, pero non tanto levalo a práctica con coherencia.
Estou a falar dunha situación que é moi usual vela en tendas de roupa. É xa habitual ver como moitas mulleres novas, a maioría das cales se proclaman feministas convencidas, independentes, con situacións laborais e económicas óptimas e cun físico case sempre agraciado, acoden facer as súas compras acompañadas das súas parellas, algo que, estaredes a pensar, non ten nada de malo. Certo, de non ser polo xeito no que actúan.
É enormemente significativo observar como estas mulleres botan man das prendas, e poñéndoas coas perchas diante do seu corpo, lle preguntan a eles: Gústache?, dependendo da resposta do home a adquisición ou non da prenda que é automaticamente rexeitada se el non dá a súa aprobación, e sen sequera achegarse a un espello a botar unha ollada para ver como lles senta, e, o máis importante, se a elas mesmas lles gusta, ou, o fundamental na miña opinión, se gustan.
Dito doutro xeito, non se visten para elas, senón para as súas parellas. O mesmo dá que a elas lles guste ou non. De feito xa non se dan a oportunidade de comprobar se lles favorece, iso é o de menos. O que realmente lles preocupa e constitúe a súa prioridade é a opinión do home que as acompaña, ou mellor dito, o veredito, xa que este é o que vai sentenzar a posible compra.
Francamente, a min isto dame arrepíos, porque, o que a simple vista pode ter a apariencia dunha sinxela pregunta é, no meu xuizo, unha mostra de que, nisto do feminismo, dese feminismo do que tanto falamos e que mesmo abandeiramos, aínda nos queda moitísimo camiño por percorrer, ou, aínda peor, estamos a vivir un clarísimo retroceso.
Tanto a miña amiga como eu levamos xa as costas unhos cantos anos, e lembrábamos como nós, desde a nosa mocidade, cando se supón que ainda estábamos a albiscar os primeiros indicios de liberdade despois de moitísimos anos de represión, e cando o termo feminismo case non se podía nin pronunciar ou, aínda vou máis lonxe, era para nós practicamente descoñecido, vestiamonos e arranxabamonos ao noso gusto e tendo en conta o noso criterio, sen que os nosos noivos ou maridos nos deran a súa aprobación, aprobación dito sexa de paso que nunca pedimos, algo que se mantén no tempo. Eu vístome para min, para gustarme eu e sentirme ben, non dependo en absoluto da opinión de ninguén, por moi namorada que me sinta, nin moito menos preciso levar escolta cada vez que vou de compras.
Poida que alguén estea pensando que o que digo é unha parvada. Tal vez, pero para min é un clarísimo sinal de que algo non vai ben.
Que entendemos exactamente por feminismo? Porque claro, está moi ben sair a rúa, berrar reivindicando igualdade, deostando os homes que a rexeitan e mesmo chamando machista ao amigo ou compañeiro que un día ten a "osadía" de dicirnos, por exemplo, que estamos guapas, pero de pouco ou nada serve se na nosa vida diaria facemos xustamente todo o contrario e nós mesmas, as mulleres, rebaixamonos e desvirtuamos as nosas reclamacións facendo evidente que de predicar sabemos moito, pero que, no de dar trigo, aínda andamos un tanto perdidas.
De pouco ou nada serven as campañas, as grandes manifestacións, e as arengas encendidas se nós, as propias mulleres, non somos quen de tomar as rendas nin das decisións mais nimias.
As verdadeiras revolucións, na miña opinión, comezan polos pequenos logros que acadamos,grazas a nosa loita, día a día, por esas pequenas vitorias que poida que non sexan tan rimbombantes como os actos multitudinarios e sonoros, pero que van definindo o camiño a seguir e sentando as bases para que esas conquistas das que tanto falamos cheguen, tal vez mais tarde, pero de xeito real.
O contrario, "atrezzo", sen mais, ou, para entendernos ainda mellor, moito ruído e poucas noces.
Comecemos por valorarnos a nos mesmas, pero de verdade, aceptándonos e aprendendo a querernos.
Soamente entón, a partir dese momento, a liberdade e a igualdade que reclamamos e a que temos todo o dereito poderán chegar a ser unha realidade.
Asociación Si, hai saída