Francisco Freire Vila
Colosal microtoponimia
Amargura, ánimas, sapos, auga, comercio... aínda que non o pareza son nomes de rúas de Pontevedra e poden dar lugar a situacións irrisorias:
-Onde vives? -Ao final da amargura...
-Onde tes o piso? -Na auga...
En Pontevedra non é habitual atoparse con este tipo de situacións porque a maioría das rúas non teñen nomes tan xenéricos, para iso gaña Lalín: rúa B, rúa C, rúa 4, rúa 5, rúa X... Rúa X? Máis dunha franquía de tendas eróticas botaría un ollo aos locais desta rúa!
Non, os pontevedreses temos outros criterios. Poñemos ás rúas nomes de persoeiros que foron pintores, escritores, médicos, arquitectos, políticos, mariñeiros, santos..., nomes relacionados con actividades económicas (Curtidoira, Ferraría, Ferreiros, Tonelaría, Palamios...), nomes relacionados coa fauna (Sardiña, Xurelo, Buraces...), nomes relacionados coa flora (Canaval, Carqueixa, Castaña, Devesas, Palma...), nomes relacionados coa mitoloxía (Teucro, Urco, Cova Céltica...), nomes relacionados coa singularidade da rúa ou praza (Fonte da Moureira, Cruceiro, Estrela, Forno, Arco, Leña, Verdura...), macrotopónimos (Uruguai, Bos Aires, Barcelos, Coruña, Galicia, España...), microtopónimos (A Parda, Campo da Torre, Mollavao, Monte do Taco...).
Das máis de 500 rúas que ten Pontevedra, cerca de 200 (é o grupo máis numeroso) teñen nome de persoa e apenas 12 delas teñen nome de muller, unha vez máis queda en evidencia a descriminación histórica coa muller. Este grupo de antroponímicos son os que máis alteracións sufriu ao longo da historia de Pontevedra dependendo da situación política do momento (monarquía, república, ditadura). ÿ en 1950 cando as comisións de gobernación do Concello e a Provincial de Monumentos dan nome a novas rúas nas que predominan os personaxes ligados á historia de Pontevedra (Perfecto Feijoo, Xan Guillerme, Domingo Fontán...).
Esta proliferación de antropónimos, pero tamén de nomes alleos, responden a caprichosas modas e ás veces a prexuízos infundados que solaparon os microtopónimos da cidade, moitos deles perdidos hoxe para sempre.
Por iso, quero destacar aquí o traballo que está a realizar o Concello na recollida de miles de microtopónimos (polo de agora, máis de 6000) nas parroquias de Pontevedra e que, ademais, se poden consultar en http://toponimia.cactusdigital.com/toponimia/web/app.php/ficha/. As
administracións son as que teñen que velar para que esta gran riqueza toponímica non quede condenada ao descoñecemento consciente. Acabarmos cos nomes tradicionais implica, como non podía ser doutro xeito, rabenar unha parte do noso milenario legado lingüístico, cultural, económico, histórico, sociolóxico, etc. e, en definitiva, de saber máis de nós mesmos.
No aspecto lingüístico, xa o decía Ramón Menéndez Pidal, A toponimia será o recurso único para recoñecer a relación que o idioma de hoxe garda co dos nosos antepasados máis remotos.
21.03.13