Marta Rodríguez Engroba
A nós, as mulleres, non nos matan por casualidade
Unha vez máis volvo sentir esa xa familiar sensación que cada vez me acompaña máis a miúdo de que me falta aire, e que é, nin máis nin menos, a consecuencia da indignación, da impotencia e tamén, teño que admitilo, dunha inmensa carraxe.
Estes son os sentementos que me dominan cando miro esa foto de familia na que aparecen todos e todas cantos se supón son "alguien" na loita contra a violencia machista, e que se congratulan, co mellor dos seus sorrisos, da posta en marcha do pacto contra esta lacra letal.
Eu teño claro, a estas alturas, que son "rara avis", e que semello, non poucas veces, ver as cousas desde outro prisma ben diferente a inmensa maioría, e esta ocasión non é a excepción.
Francamente, non me creo nada, absolutamente nada, a menos, claro está, que se demostre con feitos que realmente, e dunha vez por todas, a loita contra a violencia de xénero vai ser real, de verdade, e non unha nova posta en escena e un estupendo nicho de negocio para moitos que, nesta pandemia, porque penso que a estas alturas xa se lle pode cualificar como tal , que vai segando vida tras vida case cada día, atoparon a galiña dos ovos de ouro, e cando esta se atopa, ninguén quere deixala escapar.
Eu, francamente, xa non podo máis nin con tanto "chiringuito" que se monta ao abeiro do sangue de tantas mulleres, e que, constitúe, e non para poucos, un lucrativo negocio, nin con tanta teoría barata que non nos proporcionan máis que escusas, razonamentos que non son máis que palabrería, e que o único que fan é tentar distraer a atención da realidade do que está a acontecer e de que se lle chame polo seu nome.
Cando algo é rentable, non se considera nin por un intre a posibilidade de perdelo. Pola contra, hai que mimalo, conservalo, para que siga dando os anhelados e xugosos beneficios. Isto é, nin máis nin menos, o que está a acontecer coa violencia de xénero, e o que xenerará, ao tempo, este novo pacto que nos venden case como a panacea.
Que ninguén teña dúbida de que máis dun apetecible posto de "traballo", para o amigo, familiar ou coñecido xurdirá deste consenso, como tamén se ocupará máis dun despacho, amén de fructíferas relacións, sempre, iso si, co argumento de estar a formar, a estudar ou a calquera outra tarefa de ensunlla que non vai evitar que as mulleres sigamos a ser asasinadas, pero que situarán a máis dun e dunha senón onde sempre quixeron estar, si moito mais preto, e xa se sabe, pasiño a pasiño, se vai facendo camiño.
Ninguén nos explica que vai pasar con esa falta de humanidade coa que as vítimas se atopan moitas veces cando acuden a denunciar e de como se lles vai garantir que o persoal que as vai atender, de agora en adiante, vai ter a precisa para recibilas co agarimo que necesitan e merecen, para escoitalas e para poñerse na súa pel, sen cuestionalas, sen minimizar a súa dor nin o risco que corren, sendo moi conscientes de que deles, do seu recibimento, pode depender que sigan adiante ou non no seu camiño cara unha vida sen medo.
Tamén descoñecemos que vai acontecer con esas interminables visitas aos xulgados, aos que acuden case sempre sen máis compaña que o seu medo e a súa soidade e das que saen a maíoría das veces sen máis resultado que a desprotección, o temor a un agresor aínda máis envalentonado ante a súa impunidade e a desesperación ante un futuro totalmente incerto para elas e tal vez para os seus fillos que non é raro que as aboque a volver co seu maltratador.
Están a "vendernos" moi ben ese pacto en termos económicos, poñendo por diante as partidas destinadas a levalo adiante. Sen dúbida iso é importante. Sen recursos é imposible avanzar, pero hai cousas que non se poden mercar nin con todo o diñeiro do mundo.
Que unha muller maltratada non se sinta posta en dúbida, ou, aínda peor, máis miserable do que xa se sinte, que teña, cando acude a denunciar, sensación de seguridade, de protección, que esa protección sexa real, que se lle abra o camiño a unha vida digna, na que o pànico non atope sitio, algo que semella tan elemental, pero que é tan difícil de acadar, non é cuestión de pactos.
O primeiro que se debería facer, na miña opinión, é unha exhaustiva criba de canto persoal vai tratar coas vítimas da violencia machista, un persoal no que a formación é moi importante, pero de nada vale se a humanidade e a empatía están baixo mínimos ou, sinxelamente, non existen.
O siguinte chanzo é garantirlles unha protección en condicións, que non as deixe a mercé do seu verdugo, e, por suposto, PREVIR, algo do que se fala moito e case nunca se fai.
Se unha muller maltratada decide, á metade do proceso, non seguir adiante, non se pode, cando hai sinais claras de perigo, abandoala a súa sorte. Hai que facerlle un seguemento, velar pola súa seguridade, queira ou non, e non utilizar a súa negativa como indigna escusa cando o desenlace é fatal.
Non se pode minimizar o pánico que di sentir unha muller ante as ameazas máis ou menos veladas do seu maltratador, ante o seu máis ou menos disimulado acoso, ou as súas olladas intimidatorias porque un test nos diga que se non porta armas, ou non consume certas sustancias, por poñer un exemplo, non hai perigo real.
Non hai test, nin formación, nin policía, que coñeza mellor o seu agresor que nós, as súas vítimas.
O ano 2017 remata cunhas cifras arrepiantes no que atinxe a violencia de xénero, pero unhas cifras que teñen unha explicación, que son o resultado da neglixencia, da desidia e da minimización que moitos dos que teñen a potestade de aplicar a lei, a xustiza, coa rigorosidade e a contundencia que compre, non o fan, sinxelamente porque, aínda hoxe, despois de tantas e tantas vidas brutalmente truncadas, non nos cren, e froito tamén de non previr, de actuar cando a agresión ou o asasinato xa é un feito consumado.
Non lle demos máis voltas, e chamémoslle xa as cousas polo seu nome.
A violencia de xénero medra, pero porque, por diferentes e máis que cuestionables motivos se permite que o faga.
A nós, as mulleres, continúan asasinándonos, pero non nos enganemos, non é por casualidade.
Asociación Si, hai saída