Marta Rodríguez Engroba
O filón da desgraza
Sabedes o que me pide o corpo, e imperiosamente, ademais?
Berrar, berrar ben alto que xa non podemos mais, que a indecencia está a acadar límites que superan todo canto se pode imaxinar e que a humanidade, os sentementos, son bens que unha gran parte da sociedade non coñece nin de lonxe.
O achago do corpo de Diana Quer, ademais da confirmación do seu tráxico e salvaxe final, trouxo consigo toda unha serie de despropósitos que non fan senón confirmar que detrás desa suposta loita contra a violencia de xénero que tanto se proclama diante dos micrófonos e das cámaras, o que realmente predominan son os intereses mais espurios e o afán de negocio e de notoriedade, deixando de lado a sensibilidade máis elemental ante dramas tan desgarradores.
Eu non son quen, iso téñoo moi claro, para xulgar o traballo de ninguén, Tampouco o de aqueles que participaron na investigación e mesmo podo chegar a entender o seu alivio cando o corpo da rapaza foi encontrado, pero o que non son quen de asumir é o posterior despregamento mediático e a posta en escena que a min, persoalmente, fíxome sentir desde vergoña allea ata unha enorme carraxe. A foto quedaba pequena para todos, e deixando de lado o doloroso caso que os levara ata alí, protagonizaron, no meu xuizo, un indecente espectáculo no que daban a sensación de estar a celebrar, non sei si o triunfo do seu equipo de fútbol, ou calquera outro acontecemento semellante, dado o festivo da situación. Todo menos amosar nin a mais mínima sensibilidade ante a traxedia tan tremenda que acababa de confirmarse.
Non faltaron as "medallas" que se autoimpuxeron, obviando o feito de que o asasino de Diana campou as súas anchas durante moitísimo tempo e que, de non ser pola valentía doutra rapaza que ben puido ser a seguinte vítima de tal alimaña e máis que probable que seguira en liberdade e quen sabe se acabando coa vida de máis mulleres.
Tampouco, polo visto, se lles pasou pola cabeza como se sentirían todos cantos queren a Diana, despois do longo calvario que levan padecido e de saber, como colofón, do seu cruel asasinato.
E que non son quen, nin por un momento, de poñerse na pel deses pais, desa irmá, de imaxinarse o seu desgarro?.
Estaban demasiado ocupados felicitándose, para iso son os heroes!.
Fraco favor lle fan, penso eu, a imaxe da institución que representan.
Por se isto non abondara, non faltaron algunhos mal chamados medios de comunicación que non dubidaron en facer o seu Agosto deixando de lado o respecto mais elemental e diseccionando aspectos da vida privada de Diana e da súa contorna, tentando sacar a relucir todo o lixo posible, fora certo ou non, porque o caso é vender exemplares ou atraer a unha audiencia ávida de carnaza, e mesmo houbo quen foi máis alá deixando caer o inoportuno de que unha rapaza andivese soa pola rúa a esas horas, do como ía vestida, das compañías que frecuentaba, e culpando en definitiva a propia Diana do seu tráxico final, porque claro, aos homes non se lles pode provocar, e se un malnacido anda ceibe pola rúa, malia contar xa cun currículo mais que dubidoso, nós as mulleres, temos a obriga de non espertar a fera.
E que dicir desa lei, que facendo gala de novo da súa incoherencia, non considera que Diana sexa unha vítima máis da violencia machista, por aquilo do "vínculo afectivo", inexistente neste caso, como en tantos outros, que establece a diferencia, porque neste país noso, solucións poñemos poucas, pero matices,,,,deses imos sobrados.
Podería seguir escribindo páxinas e máis páxinas, e nin así sería quen de describir a tristura que todo esto me produce.
Diana foi asasinada nun cruel crime machista por ser muller, non hai máis, deixando moita dor atrás dela, unha familia, uns amigos que a choran. As pegadas desa dor xa non desaparecerán nunca das súas vidas, e mentres tanto, moitos seguen tentando acadar, no medio de tanto sufrimento, o seu filón.
Sinxelamente lamentable.
Asociación Si, hai saída