Raimundo González
Día mundial da auga
A auga é un ben limitado e secas como a que vivimos este outono -pero que cada vez son máis frecuentes e máis prolongadas- fannos tomar conciencia da necesidade de coidar e xestionar dun xeito sustentábel os nosos recursos hídricos, de coidar o noso medio natural.
O Día Mundial da Auga é unha xornada para a reflexión pero tamén de concienciación fronte aos usos irresponsables deste prezado ben. Facer un uso racional da auga é obriga de todos e todas, non hai que esquecer que non todos poden acceder a ela con só abrir a billa.
O Día Mundial da Auga pon, neste ano 2018, o foco na procura de respostas naturais aos problemas ambientais que, xunto co cambio climático, están detrás das crises asociadas aos recursos hídricos: secas, inundacións, a contaminación da auga. Estamos fronte a un desafío global que comeza no local.
E en Pontevedra temos os deberes feitos cunha rede de abastecemento constantemente controlada para evitar as perdas; unha rede eficiente, das máis eficientes do Estado; un sistema dimensionado recentemente grazas a un investimento de 33 millóns de euros que permitirá ampliar os abastecementos a máis altura no concello e na súa ría; a separación das augas pluviais das fecais para evitar que as augas pluviais entren no sistema e cheguen á depuradora; ou ter saneado máis do 80% de todo o territorio municipal.
Todo iso contribúe a estar máis preparados para situacións tan graves como as vividas no pasado ano cunha seca pertinaz, na que o Concello e os seus veciños contribuíron a paliar, exemplarmente, na medida das súas posibilidades.
Pontevedra vai polo bo camiño. A calidade da auga leva anos recibindo a acreditación alimentaria ISO22000, a máis alta de todo o Estado, o noso sistema de abastecemento e tratamento da auga convive en harmonía co medio, e neste momento temos unha gran expectativa no novo contrato da auga, co que Pontevedra poderá completar ese 20% do saneamento do rural que está pendente; garantir o abastecemento ás grandes infraestruturas como os polígonos industriais ou ao novo hospital; ir ampliando a rede de abastecemento aos barrios e parroquias máis próximas ao casco urbano; e reducir o custe do servizo para os veciños iniciando a facturación por consumo real, primando, polo tanto, a través da taxa o aforro necesario nun ben tan escaso.