Pedro J. Peón Estévez
Isto é América!!!
As tardes de domingo son especialmente lentas cando un xa non ten idade para "parrandas, lupandas e cuchipandas", que dicía un amigo meu. A companheira saiu á rúa e eu fiquei na casa máis só que Albiol e púxenme a enredar (tremendo erro) co paxarinho do rechouchío electrónico por melhor pasar o tempo. Despois de centos de bulos, calumnias e demais lixo e, no medio de escasas sensateces, atopo a gravación aquela onde un picapleitos ianqui acosaba e insultaba, visiblemente alporizado, a uns comensais por falaren espanhol nun restaurante; "Isto é América!" berrábalhes o energúmeno.
Seica xa despedírono do trabalho e pretenden inhabilitalo. Eu coido que se pasan. Deberían ter en conta que hai á quen lhe presta mal a bebida e amarran unha curda case se querer. Hai quen a pilha cantareira, durminhona, chorona etc. Este amarrouna xenófoba, que lhe vai a facer meu santo! Eu non tomaría medidas disciplinarias contra el; oes, hoxe chúflaste ti e manhán empápome eu e non pasa nada, e logho como é meu? Abondaría cun café ben salgado e unha ducha xeada e, de non espabilar, uns bos vergalhazos polo lombo. Con iso quedaría novo e tardaría en armar outra.
Coa pancada non lhe acordou ó tío que os que lhe lavan a roupa, críanlhe os meninhos, baléiranlhe a rúa, constrúenlhe a casa, recolhen a colheita etc. falan espanhol. Esquece o badoco "blanquito" que boa parte do seu país foi colonizado por espanhois, que tamén fundaron moitas das súas máis importantes cidades. Coma así, algo debería de saber cando puxo no seu currículo que falaba espanhol con soltura. Por un se acaso, non sabes?
O máis paveiro foi que o fulano esixía ós demais que falasen inglés, a língua do invasor, e non o verdadeiro americano, ou sexa: Navagho, Sioux, Comanche etc. ou calquera outra língua vernácula. Sabería o tipo que o idioma navagho foi usado pola armada dos USA para despistar ós xaponeses na segunda Guerra Mundial? Dubídoo moito.
Ben, o machinho insistía co aquel de "isto é América!" pero... que é América?
Sempre que intentei definir América, só atopei inconcrecións. Porque vamos a ver: América non é aquel país; América é o continente...pero con matices. Din que é norteamérica pero tampouco pois aínda máis ó norte está Canadá. Entón rematan por dicir que son os Estados Unidos de América (os USA). Iso é incorrecto; os estados unidos mexicanos, venezolanos, brasileiros tamén son estados, tamén son americanos e están bastante máis unidos ca eles, pois hai que ver onde se atopa Alaska e non digamos Hawaii, alá na quinta punheta no medio do Pacífico (que de pacífico -e esa é outra- nada)
Pero sigamos cos paradoxos: América tinha que se chamar Colombia pois foi Colón o primeiro en chegar e non Américo Vespucci, que chegou despois. E, para colmo de despropósitos, os aboríxens de América non son indios. Indios son os da India.
E así as cousas, os "descubridores" ( que na realidade foron descubertos ) fixéronse da picha un lío e Aaron Schlossberg, o avogado racista, tamén.
Deus dea ganas de rir nestes tempos tan ruíns en que dispomos de menos cartos que votos Albiol.