José Freire
Policía e escraches
O pasado día 10, recíbese nas Comisarías de toda España unha Comunicación urxente, da Dirección Xeral da Policía, de obrigado cumprimento, na que se indica que, no eido competencial do Corpo Nacional de Policía, non se permitirán concentracións (escraches) a menos de trescentos metros de domicilios de autoridades e personalidades políticas.
Poucas horas máis tarde, o propio Ministro do Interior desmentía publicamente que non se había adoptado ningunha distancia de seguridade de 300 metros, engadindo que o Ministerio aplicaría, nestes casos, flexibilidade e proporcionalidade.
Con isto, unha vez máis, ponse de manifesto a desorganización e o caos que impera no Ministerio do Interior, e máis especificamente na Dirección Xeral da Policía. Estes anuncios, con adopción de medidas de dubidosa legalidade, crean confusión na cidadanía e poden resultar perigosas para a propia seguridade xurídica dos funcionarios policiais.
Neste País existen unhas leis de obrigado cumprimento para todos, non só para os cidadáns, tamén para os políticos en xeral e especialmente para os que teñen a responsabilidade de gobernar, como é o caso dos responsables do Ministerio do Interior. Estas leis non poden ser ignoradas para impartir instrucións que podan conducir, aos que as teñen que cumprir, neste caso funcionarios policiais, a actuacións ilegais e que, como xa dixen, supoñen un grave risco para a súa seguridade xurídica. Cabe subliñar que, un só día de condena de inhabilitación, supón a expulsión definitiva do Corpo. E non están os tempos como para perder o emprego.
Vaia por diante que son contrario a calquera acto de protesta, reivindicativo, informativo, que se leve a cabo no domicilio particular de ninguén. Digo tamén que a aplicación da palabra escrache a esta situación non me parece axeitada. Os nosos políticos, por moi deostados que estean, que o están, foron elixidos polos cidadás. Polo tanto non cabe comparanza co acontecido noutros países onde se fan este tipo de manifestacións perante os ditadores ou colaboradores da ditadura.
As actuacións dun funcionario de policía, nun estado de dereito como é España, están rexidas polo seu ordenamento xurídico. Neste senso, o Código Penal, a Lei de Axuizamento Criminal, a Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a Lei de Seguridade Cidadá e unha ampla xurisprudencia do Tribunal Supremo, delimita dun xeito claro e conciso as intervencións dos funcionarios policiais á hora de identificar ou deter a un cidadá. O propio equipo de goberno da actual Dirección Xeral da Policía, o 16 de maio de 2012, fai pública unha circular na que di como e cando se poden facer as identificacións.
Esta normativa nos di que, os insultos, as ameazas, as coaccións ou outro tipo de violencia verbal ou física, contra calquera persoa, político ou non, obriga á Policía a intervir e corresponde aos actuantes, que son os que logo deberán responder perante a autoridade xudicial, o grao de intervención que require cada caso.
Por iso nos parecen fora de lugar todas estas ordes, instrucións ou as arengas proferidas dende algúns púlpitos mediáticos, se é que non existen ameazas, coaccións, agresións, insultos, e simplemente se limitan a informar ou expoñer un feito dentro da legalidade.
España é un País democrático e como tal só a Autoridade xudicial, como órgano que interpreta e fai cumprilas leis, é quen para impedir a libre circulación de persoas pola vía pública. Tamén neste eido existen discrepancias. ÿ evidente que, no caso dos escraches, existen asociacións de xuíces favorables a identificar e deter, e outras maniféstanse en contra dicindo que poden cometerse detencións ilegais. Entón cabería preguntarse:¿pode alguén ordenar a un policía que arrisque a súa profesión e se expoña a ser condenado, expulsado ou ir á cadea por unha detención ilegal, dependendo da lotería de que lle toque un xuíz que opine dun o doutro xeito?.
A labor dos policías comprende a difícil tarefa de actuar contra quen vulnere os dereitos, a seguridade e a liberdade doutros, máis esa actuación nunca debe supor a vulneración dos dereitos e garantías constitucionais daqueles sobre os que actúan.
E moito me temo que, nesta difícil misión de pesos e contrapesos, o capitán do barco do Ministerio do Interior no ten moi claro: .-"avante toda" .- ¿con qué rumbo, señor?.- "para onde cadre".
16.04.2013