Ser feminista ou non... polos pelos!

02 de junio 2018
Actualizada: 18 de junio 2024

Hoxe vou poñerme un pouco menos seria do habitual, malia que o tema que vou tratar non é, na miña opinión, banal nin moito menos, por máis que seguramente máis de un e de unha o tacharan de frívolo, pero eu penso que é un reflexo de que algo, en cuestión de feminismo, ou non está claro, ou a moitos se lles está indo das mans

Hoxe vou poñerme un pouco menos seria do habitual, malia que o tema que vou tratar non é, na miña opinión, banal nin moito menos, por máis que seguramente máis de un e de unha o tacharan de frívolo, pero eu penso que é un reflexo de que algo, en cuestión de feminismo, ou non está claro, ou a moitos se lles está indo das mans.

Esta semana chamáronme a atención os titulares de varios medios de comunicación, que rezaban, referíndose a unha cantante, concretamente a representante de España en Eurovisión: "Amaia presume de axilas sin depilar", para a continuación, algúns deles destacar o convencido feminismo da rapaza e reproducir os comentarios que isto suscitou, e que foron de todo tipo, desde quen a parabenizou con  arengas como "Viva Amaia y el feminismo", ata quen foi bastante menos amable, e lle chamou… imos dicir que pouco hixiénica.

Tamén se nos lembraba nestas novas que xa en outra ocasión deixara de depilarse as pernas porque "las mujeres también tenemos pelo".
Non me digas, filliña!.

En fin... Valoracións xornalísticas aparte, e obviando o tremendo "notición" que é que esta rapaza se depile ou non, creo que é para pararse a pensar un intre que entendemos por feminismo.
Non vou a entrar de novo en aclaracións de se eu son ou non feminista.

Sempre avoguei, e, naturalmente, o seguirei facendo, pola igualdade e porque se acabe dunha vez para sempre con esas diferencias que son verdadeiros agravios  para as mulleres. 

Agora ben, non confundamos as churras coas merinas, porque, e esta á a miña opinión, que conste, o verdadeiro feminismo non é unha cuestión de "look", nin, por suposto, se demostra depilándose ou deixando de facelo.

A única e verdadeira demostración é facer o que che pida o corpo, con total liberdade, sen imposicións, e sen necesidade de alardes, algo que semella ser case obrigado e que, de non facerse, é, lamentablemente, susceptible de suscitar dúbidas.

Francamente, comezo a estar farta de ter que reafirmar con certos actos, ou mesmo con determinado aspecto, a condición de feminista, algo que é, ademais, e unha vez mais na niña opinión, unha enorme incoherencia.

Por unha banda, manifestamos o noso rexeitamento a esa tiranía que nos impón as mulleres aparecer sempre perfectas, algo que non se lles esixe aos homes, e, en xeral, a todo o que implique que se nos discrimine, tachando de machista a quen o fai, pero, por outra, en non poucos casos, non existe o menor reparo en sinalar, e non para parabenizalas, precisamente, as mulleres as que lles gusta, ou mellor dito, nos gusta, porque a min mesma tamén me tocou apandar con isto en mais dunha ocasión, coidar o noso aspecto… Como se lle chama a eso?.

Que unha rapaza tan nova como Amaia faga a súa bandeira feminista dunhas axilas ou unhas pernas sen afeitar, sintoo, pero paréceme sinxelamente lamentable, ademais dun síntoma moi alarmante do concepto que os mais novos, ou polo menos algúns deles, teñen do feminismo.
Non sei que pretende demostrar con eso, como tampouco o entendería se fixera contrario.

Amaia, como todas e cada unha de nos, poderá autodefinirse como feminista o día que comece a actuar con liberdade, sen importarlle as opinións alleas e sen necesidade algunha de exhibir o que faga ou deixe de facer coa súa persoa, sentíndose, sinxelamente, agusto e cómoda consigo mesma.
Qué pasaría, pregúntome, se fose un home o que aparecera nos medios de comunicación alardeando, por exemplo, de afeitarse o torso, ou de non facelo?
Mi madriña, non quero nin imaxinar a que lle caería!.

A min, francamente, doeme na alma cando escoito a moitas mulleres que se proclaman  auténticas adalides do feminismo lapidar sen piedade as que non concordan con elas xa non soamente en certas ideas, senón que non se axustan aos cánones que elas mesmas se encargaron de instaurar e que semellan ser case dogmas de fe. Esas mulleres que berran esixindo que se eliminen certos estereotipos.
Por favor, permitídeme que me ría por non chorar, porque se o que elas practican non son estereotipos, xa me diredes que é!.

O mais triste é qué estas actitudes intransixentes, intolerantes, e as veces mesmo tiránicas, van deixando pouso nos mais novos e non son poucas as Amaias que transitan pola vida crendo que un afeitado mais ou menos ou un xeito de vestir as convirten en feministas, sen decatarse de que, no fondo, están sendo manipuladas.

Ogallá cheguen a entender que o día no que respecten e sexan respectadas, o día no que todos e todas teñamos as mesmas oportunidades e que non xulguemos nin sexamos xulgadas por algo tan superficial como a nosa apariencia física ou noso xeito de arreglarnos, ou de non facelo, ese día si podremos falar de feminismo, pero do de verdade, do que non se basea nun afeitado mais ou menos, nin impón, por suposto, patróns estéticos nin determinados estilismos.
Non sei que opinaredes, pero, que vos parece se para poder falar con propiedade e como merece de algo tan digno como o feminismo deixamos de desvirtualo?

Asociación Si, hai saída