Héctor Santaló
Sostenella e no enmendalla
Con esta fórmula definíase o comportamento e a honra dos antigos fidalgos que preferían arriscar a súa vida nun duelo con espada antes que recoñecer un erro.
Penso que todas as persoas asumimos o feito de que podemos equivocarnos. Somos humanos, imperfectos e conscientes de que por moi ben intencionados que sexan os nosos actos estes podan traer consecuencias non desexables.
Porén, non son tan abundantes as persoas que recoñezan os seus erros. E é normal, xa que a maioría das delas (na miña opinión "boas por natureza"), por moito que mediten as súas decisións, sempre están influídas polo seu punto de vista, a súa experiencia previa e as súas expectativas.
Deste xeito, o acto mellor intencionado dunha persoa pode ser percibido por outra coma unha agresión (teño dúas fillas xemelgas, de verdade que sei do que falo).
Cando a decisión é tomada por un ente público e ten un elevado número de destinatarios é imposible que non haxa opinións de todos os gustos respecto á mesma. Por iso (entre outros moitos motivos) as normas de procedemento esixen unha serie de requisitos e garantías para que estas decisións poidan materializarse.
Esas normas garanten que as decisións das administracións van a estar xustificadas e que se van ditar dando audiencia e respectando os dereitos das persoas ás que van destinadas.
Pois ben, este venres (22.06.2018) publicouse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOP) a aprobación definitiva dunha modificación da relación de postos de traballo do Concello de Pontevedra que;
• Non conta co apoio dos representantes dos traballadores do amentado Concello.
• Recolle postos que non existen porque o pleno do Concello rexeitou crealos.
• Vai en contra do espiritu negociador do que o grupo de goberno alardea.
• Contradí as declaración realizadas polo grupo de goberno que recoñeceron no seu día que a amentada modificación non podería entrar en vigor.
• Ah, esquecíaseme... e é ilegal,
Non son poucos os compañeiros que me preguntan por este tema, xa que, a pesar de que nesta administración estamos feitos a todo tipo de chapuzas no tocante á xestión do persoal, é a primeira vez que a xunta de goberno aproba definitivamente un acto a sabendas de que é nulo de pleno dereito, por non dicir antixurídico (palabras maiores)
A verdade e que non lle encontro explicación. Quizais pecharon algún acordo con algún grupo da oposición e tentarán levar de novo o asunto a pleno, quizais están tan acostumados a non perder unha votación que xa non saben como teñen que facer cando isto pasa, ou quizais son tan obstinados que non son capaces de ver o erro que comenten ao darlle ao as constas ao seu persoal e por iso prefiren "sostenella e no enmendalla."